La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Xabier Maceiras: “Arteixo é coñecido polo téxtil, hai que deixar plasmado o outro Arteixo”

O escritor natural de O Rañal publica un novo traballo, o máis persoal dos que fixo ata agora, no que recopila a historia do concello

Xabier Maceiras publica 'Crónicas de Arteixo III' Carlos Pardellas

O escritor, historiador e veciño de O Rañal, Xabier Maceiras, defínese como un “traballador da memoria” que busca recuperar e divulgar o pasado do seu concello, Arteixo. Neste eido, vai presentar nas próximas semanas o seu novo traballo, Crónicas de Arteixo III, un libro no que recopila 50 historias que publicou estes anos no seu blog, de nome homónimo. Que busca con esta iniciativa? “O Arteixo de hoxe é coñecido polo téxtil, hai que deixar plasmada o outro Arteixo”, asegura. E así o fai nesta publicación.

A particularidade que presenta este traballo, que é autoeditado, é que o “máis persoal” de todos os que elaborou ata o de agora. Dedica parte do libro a contar relatos da súa vida, como o tempo que pasou na gardería que rexentaba Paulina a chilena en A Groufa ou cando o seu tío Manolo tiña unha tenda na rúa Noia, no barrio de Os Mallos de A Coruña, e no establecemento do lado traballaba Amancio Ortega.

“Fago rerencia aos meus recordos”, relata Maceiras, que quere deixar por escrito estas historias antes de que se perdan.

Crónicas de Arteixo III conta lendas, historias persoais, negocios emblemáticos e lugares coñecidos, nun afán por plasmar o seu concello e por construir un relato máis alá de Inditex, que ten a súa sede no polígono de Sabón. O escritor arteixá destaca que “cando se vai una persoa maior, vanse historias con el” e deste modo quedan recollidas para sempre nun libro.

Cada parroquia contará cun mínimo de tres capítulos dedicados. Ademais, o prólogo está redactado por outra persoaxe emblemática do municipio, Henrique Rabuñal, natural de Pastoriza.

Este traballo poderase adquirir nas librerías de Arteixo a partir do mes de decembro.

Compartir el artículo

stats