Xuntas e “para adiante” en Curtis

O Concello edita un vídeo polo 8-M para reivindicar a traxectoria de oito emprendedoras do rural e o labor de dúas asociacións fundadas por mulleres para dinamizar o pobo

Integrantes da asociación de Amas de Casa de Teixeiro.   | // L.O.

Integrantes da asociación de Amas de Casa de Teixeiro. | // L.O. / Antares Pérez

Oito emprendedoras da montaña coruñesa e dúas asociacións impulsadas por mulleres para dinamizar o rural protagonizan un vídeo editado polo Concello de Curtis para festexar o Día Internacional da Muller. Rocío Prado, Julia Diez, Laura Abad, Lidia Vilariño, Mónica López, Olga García, María Fandiño e as integrantes das Amas de Casa de Teixeiro e do colectivo A Carballeira de Curtis dan a cara este 8-M para reivindicar a igualdade de oportunidades no rural e a unión como a mellor arma para rachar os teitos de cristal.

Sonia, nai de dous nenos, liouse a manta á cabeza e decidiu probar sorte como autonóma á fronte do Bar O SuIzo. As mañás atende tras a barra; as tardes son para os seus fillos, conta.

Sonia Sánchez no Bar O Suizo

Sonia Sánchez no Bar O Suizo

Mónica regresou a Curtis tras estudar Economía en Santiago e, seguindo o “legado” da súa avoa, púxose á fronte dunha tenda de froitas e verduras. “Ela deixounos o camiño moi fácil”, subliña.

Mónica López, xerente dun supermercado de Curtis

Mónica López, xerente dun supermercado de Curtis

Lidia aproveitou a oportunidade que avistou tras un traspaso por xubilación para cumprir o seu soño de rexentar unha tenda de moda e mercería: El hilo rojo.

Lidia Vilariño na súa tenda de moda El hilo rojo

Lidia Vilariño na súa tenda de moda El hilo rojo

Olga, natural do País Vasco, fixo da necesidade, virtude e, tras probar sorte sen éxito nunha oposición no Concello de Curtis, abriu unha tenda de alimentación. “O 8-M é todos os días. Hai que tirar para adiante e non renderse”, defende.

Olga García na tenda de froitas e verduras.

Olga García na tenda de froitas e verduras.

María quere comezar o seu futuro na casa na que deu os seus primeiros pasos. Esta enxeñeira industrial acondiciona unha oficina para o fomento das enerxías renovables na vivenda na que se criou e polas tardes adestra ás integrantes equipo feminino de fútbol de Curtis: “De pequena eu era a única que xogaba”, lembra.

María Fandiño con integrantes do equipo feminino de fútbol

María Fandiño con integrantes do equipo feminino de fútbol

Laura traballa na gandería familiar, como Rocío, fundadora dunha explotación avícola. “Agora é a súa profesión, antes era un modo de vida”, destaca Julia, veterinaria natural de León que traballa desde hai xa 35 anos en Curtis e que chama a atención sobre o labor fundamental das mulleres no rural galego: “Son o piar, nada funcionaría en Galicia sen elas”.

Laura Abad na explotación gandeira familiar

Laura Abad na explotación gandeira familiar

Todas elas comparten as ganas de “tirar para adiante” e crear novas oportunidades do rural. As súas, din, non son grandes historias de superación. Son pequenas vitorias cotiás, pasos que pouco a pouco “van cambiando as cousas”.

Unión e asociacionismo

A unión é fundamental para romper os teitos de cristal no rural. Sábeno ben as integrantes da asociación de Amas de Casa de Teixeiro. Cando se fundou este colectivo, fai cincuenta anos, as fichas das socias levaban o nome e a profesión do marido, lembra a súa presidenta, María Díaz, que pon o acento na importancia do asociacionismo, “de colaborar unhas con outras e facer cousas polo pobo”.

O mesmo obxectivo que persegue A Carballeira de Curtis. Compartir momentos de ledicia, charlas e contribuír o tempo a promocionar a cultura tradicional con cursos de baile tradicional, pandeireta ou gaita. “Temos aínda moita traca que dar e agardamos que as novas xeracións tomen o relevo”, confía a presidenta, Raquel Seoane.

Suscríbete para seguir leyendo