Moncho Sixto | Presidente da Asociación de Veciños O Noso Burgo

“A pegada sonora supón a desvalorización do patrimonio. Terán que compensarnos”

“En Valencia insonorizan a 15 quilómetros da cabeceira do aeroporto e nós estamos a 1,2. Os avións pasan por riba de nós. A medición foi ‘light’. Hai que volver medir con sentidiño”

Moncho Sixto, presidente de la asociación O Noso Burgo.

Moncho Sixto, presidente de la asociación O Noso Burgo. / IAGO LÓPEZ

Os veciños do Burgo insisten na súa demanda de que a perda de valor do seu patrimonio e os condicionantes ás súas vidas que supón a proximidade do aeroporto de Alvedro se compense dalgún xeito. A primeira reivindicación é que se leven as insonorizacións máis aló do que o fixeron ata agora xa que consideran que se fixeron medicións light que non comprobaron o ruído do avión que voa ás 6.30, cando rexe o máximo de decibelios correspondente ao horario nocturno. Piden reunirse co alcalde, José Ramón Rioboo, e con AENA e que lles precisen en persoa a afección real e concreta que terán as novas servidumes, que o Goberno central acaba de aprobar, que manteñen a afección xa publicada en 2020, sen atender á petición dos concellos de rebaixala, e para a que se anuncian “medidas compensatorias” que non se concretan.

Que están a preparar despois de aprobar o Goberno estatal as servidumes aeronáuticas e acústicas, o mapa de ruído e o plan de acción do aeroporto de Alvedro?

Imos pedir entrevista co alcalde para tratar cousas máis domésticas de aquí do barrio que hai que arranxar e, sobre todo, porque queremos que convoque unha xuntaza con AENA á que vaiamos a asociación, como se aprobou no pleno, que se acordou que nas xuntanzas con AENA participaran as asociacións de veciños afectadas. Xa falamos con el na última xuntanza que tivemos e dixo que si. Imos pedir unha reunión urxente e que nos diga AENA claramente en que nos vai afectar todo isto, que vai cambiar as nosas vidas e o patrimonio en todo.

Que cambios prevén?

En obra nova, en obra vella... Porque cando haxa reformas de fachadas… Xa que estamos sometidos a esa servidume, terán que aplicar algún tipo de compensación como a insonorización das nosas vivendas. En Valencia insonorizouse a 15 quilómetros da cabeceira e nós estamos a 1.200 metros da cabeceira norte da pista. Non valen escusas. Os avións pasan por riba da nosa cabeza. E o de que non chegamos aos decibelios é moito dicir. Fixeron unha medición ligth. Porque viñan co conto de aforrar o que puideran.

Nunca estiveron conformes coas medicións feitas.

Que se volva medir con sentidiño e ás 6.30, cando pasa o avión e é un horario nocturno e, polo tanto, os decibelios non son os mesmos que en horario diúrno. Queremos estar cara a cara con AENA porque ata agora mantivemos contacto por carta, pero o que queremos é un cara a cara.

Que queren desa reunión?

Endureceuse a pegada sonora, é máis restritiva. Aquí xa estaban os edificios e as vivendas que levamos aquí case 30 anos, terán que compensarnos dalgunha maneira. Vai afectar á construción de obra nova, vai afectar a reformas importantes na obra vella e, polo tanto, hai unha desvalorización do patrimonio, afecta a todo. Incluso se queres tirar uns foguetes tes que pedir permiso a AENA. A partir de agora hai que pedir permiso a AENA para todo. Pero queremos que nolo certifique directamente nunha entrevista persoal. Que nos digan: “A partir de agora, vostedes están suxeitos a isto, isto e isto”.

E queren tamén trasladar demandas “máis domésticas”.

Queremos falar co alcalde por problemas de inseguridade peonil, pintadas, árbores sen podar… temas máis caseiros. Ou outras obras como o tapado da vía tren ao paso polo Burgo, a construción dunha pisicina municipal aquí, que quedou de tratar e facer. E a reforma da rúa mosteiro de Sobrado.