As mil curiosidades que agocha a costa de Arteixo

Xabier Maceiras encabezou un roteiro literario para veciños sobre anécdotas do litoral desde o porto de Suevos ata a praia do Rañal

Participantes da andaina literaria da costa de Arteixo, onte, no porto de Suevos. |   // CARLOS PARDELLAS

Participantes da andaina literaria da costa de Arteixo, onte, no porto de Suevos. | // CARLOS PARDELLAS / Daniel Abelenda Lado

Daniel Abelenda Lado

Daniel Abelenda Lado

A tumba dun vapor alemán centenario ou unha inscrición que se sospeita que data do século IX son algunhas das anécdotas que amenizaron a mañá dunha trintena de persoas que se animaron este sábado a participar no roteiro literario que liderou o escritor Xabier Maceiras a través dun treito da costa de Arteixo, o que vai dende o porto de Suevos ata o areal de O Rañal. A actividade tivo o apoio polo servizo municipal de bibliotecas.

Os relatos e as curiosidades sobre a toponimia, a xeografía e a historia do entorno impediron que a chuvia intermitente, o vento e as silvas entre os camiños de cara ao mar estragasen a ruta para os máis curiosos. Presentáronse persoas de todas as idades e ata mascotas. Coincidiron nos rostros de sorpresa e interese ante os contos que relatou Maceiras, baseados nas informacións recollidas nos seus libros a través de discursos orais e información bibliográfica recollida sobre o concello arteixán. “Ás veces coñecemos o que hai lonxe e non o que temos aquí ao lado”, comenta Antonio, un participante habitual nestas andainas que prefire non dicir o seu apelido.

A travesía comezou cun repaso á historia baleeira do porto de Suevos, dende onde iniciou a andaina. “Antigamente era o porto dos vizcaínos, que foron os primeiros que viñeron a exercer o oficio da caza de baleas”, explicou Xabier Maceiras. O emprazamento dun antigo trolebús de Londres que adquirira o Concello da Coruña foi a primeira parada a través do monte.

A continuación da ruta levouse cerca dunhas antigas instalacións militares que, segundo recolle Maceiras no seu libro, nunca chegaron a funcionar. “Estaba previstas como iluminación para os canóns de San Pedro no caso de que houbese que disparar de noite”, indicou o líder da expedición.

Unha das anécdotas que máis sorpresa causou foi a da furna do Triel, un sector da costa próxima a Suevos, xunto a illa da Gallanda, no que embarrancou un vapor alemán, o Trier,a comezos do século pasado. “É o único caso en Arteixo no que o nome dun barco quedou reflectido na toponimia dun sitio”, sinalou Xabier Maceiras.

Preto, indicouse unha pequena fracción de terreo na que, según indicou o guía, o arqueólogo Luis Monteagudo afirmou ter atopado unha inscrición medieval nas rochas que dataría do século IX, ao estaren relacionada con outras localizadas na zona de Pastoriza. Tamén chamou a atención a punta da península de Langosteira e a localización pasada dos puntos de vixilancia marítima do golfo ártabro. O desta zona debía ser visible desde de Caión e substituíu a un que había en Sorrizo, que “era máis difícil de localizar”, contou o escritor.

O porto exterior protagonizou parte do relato. Especialmente, acerca do castro de Cociñadoiro, sobre o que se asentou a instalación portuaria. Na praia de Sabón, Maceiras tratou sobre unha pedra lendaria. Tamén levaron o seu recoñecemento unha batalla aérea da Segunda Guerra Mundial na que caeu un avión alemán en Sabón, a aterraxe no mar dunha avioneta que tentaba bater a marca mundial de voo en solitario, as mulleres percebeiras de Rañobre e a antiga fábrica de conservas do Rañal.

A impresión entre os participantes foi de entusiasmo, tanto polo exercicio físico como polos apuntamentos recollidos. “Encántame esta actividade desde que me metín no senderismo”, expresa un veciño venezonalo de Arteixo que participou na ruta, Carlos Delgado. “A min interésame recuperar as historias das que non temos nin idea”, recoñece Isabel Verdía, outra das senderistas apuntadas.

A ruta non chegou ao seu obxectivo final. “De inicio plantexáramosnos chegar ata Valcovo, pero xa sabíamos que era case imposible”, recoñeceu Xabier Maceiras. Aínda así, confirma que non quedarán historias sen transmitir. Conta con organizar outra andaina cara ao final da tempada de verán. “Temos que plantexarnos todavía como a imos facer, pero gustaríame ir desde onde acabamos agora, no Rañal, ata Valcovo, ou continuar cara a Barrañán”, precisa o autor, que ten plubicados tres volumes de Crónicas de Arteixo.

Pensa recoller tamén as suxestión dos asistentes. Aínda que algúns notaron o esforzo da andaina de catro horas, outros, aínda con forzas, pediron excursións semellantes máis longas, que cheguen a ocupar un día enteiro.