A foto entre irmáns a dúas semanas da fin da Guerra Civil

Unha alumna de Curtis, Vera Castro, gaña un premio cunha imaxe do seu bisavó e o irmán deste, enfrontados no conflito sen sabelo

A alumna premiada do instituto de Curtis, Vera Castro.

A alumna premiada do instituto de Curtis, Vera Castro. / La Opinión

Daniel Abelenda Lado

Daniel Abelenda Lado

“Nunca pensei que a típica historia que sae nos libros podería ser parte do meu pasado”, expón a alumna de 3º da ESO do instituto de Curtis, Vera Castro González, mentres fala do que lle transmite unha instantánea tomada no ano 1939, a poucos días de rematar a Guerra Civil, na que saen o seu bisavó materno, Ramón Andrés, e o seu tío bisavó, Eduardo. “Ambos loitaron na Guerra Civil, pero fixérono en bandos contrarios”, detalla a estudante, que grazas a esta anécdota familiar levou o terceiro premio no certame de Imaxes do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués que entrega a asociación Ponte... nas Ondas.

sa sadgrafía de Faro.   | // FDV

A alumna premiada do instituto de Curtis, Vera Castro / La Opinión

A idea naceu dun proxecto para a materia de Plástica avalado pola Xunta que busca outorgarlle un valor maior ao entorno máis próximo do alumnado. Concretamente, tiñan que buscar e escoller unha fotografía familiar antiga e comentala despois de falar cos seus pais e avós para coñecer datos sobre ela. Iso é o que fixo Vera. “A fotografía foi idea de miña nai. Conteille sobre o traballo de clase, e ela faloume desa historia cando estabamos na casa da miña avoa”, relata Vera Castro. Interesoulle tanto este suceso familiar que non parou ata atopar a imaxe “remexendo entre papeis” para presentala no instituto.

Segundo a historia que lle transmitiron na casa, Ramón Andrés González, o seu avó, e o irmán deste, Eduardo, tomaron esa fotografía xuntos en Lleida no ano 1939. Ambos viñan de combater na Guerra Civil e seren inimigos no campo de batalla, aínda que eles non eran conscientes da situación do outro, segundo explica a alumna.

A fotografía física vai acompañada por un texto no reverso cuxa redacción inclúe, en parte, no comentario entregado, primeiro en clase e, despois no certame. “Como recordo da primeira entrevista que tivemos os dous irmáns, Eduardo e Ramón González González, despois de facer nove anos que viviamos separados e sen noticias”, recolle a transcrición do escrito a man sobre o documento gráfico. Engade que o encontro datouse exactamente o 15 de marzo de 1939, a dúas semanas do final oficial da Guerra Civil. Resalta, tamén, que é un “testemuño da gran alegría que reinaba entre os dous queridos irmáns naquel feliz momento”.

A alumna explica que o encontro entre os dous produciuse grazas á insistencia dos seus familiares, que lles indicaron que ambos se atopaban no mesmo lugar, Lleida. Especifica que os irmáns acabaron en bandos opostos porque vivían en lugares diferentes. Ramón residía en Ourense e, Eduardo, en Madrid.“Sei que se reencontraron e que as mulleres foron a que lles dixeron de facelo”, comenta Vera Castro. Elas dúas mantiveron comunicacións por carta durante a Guerra e así foi como se decataron de que os seus maridos estaban no mesmo lugar, en tropas enfrontadas.

Dende a familia estiman que “foi seguramente a última vez que se viron”. Os dous volveron salvos do conflito, pero Eduardo faleceu anos despois en Madrid. Ramón seguiu traballando e tratou á esposa de Eduardo como unha máis da familia cando o seu irmán finou. Cando Ramón morreu, deixoulle a ela a súa parte da herdanza familiar.

Relatos coma este quedaron nos baúis e nos faiados.A estudante de Curtis recoñece que non sabía desta historia familiar ata que comezou a investigar con motivo da tarefa académica que lle encargou o profesor de Plástica. Tampouco esperaba recibir o premio de Ponte... nas Ondas. “O profesor escolleu algúns dos traballos e presentounos ao concurso. Déronme a noticia o outro día, non a esperaba e fíxome moita ilusión”, lembra. Aínda así, recoñece que non elixiu a fotografía pensado no certame, senón na actividade que lles propuxo o docente do centro educativo.

Suscríbete para seguir leyendo