José Antonio Santiso | Presidente do Consorcio As Mariñas desde 2011, reelixido hai unha semana

“Nostián non foi o que se consideraba que ía ser. Era bo que iso non se repetira”

“O alcalde de Arteixo díxome que si había determinadas condicións, podía entrar na planta”

José Antonio Santiso, ante a igrexa de Abegondo

José Antonio Santiso, ante a igrexa de Abegondo / Víctor Echave

Leva como presidente do Consorcio desde 2011. Non cansa? E non hai relevo?

É unha boa pregunta. Cando te elixen maioritariamente para representar a unha institución nunca cansa. Agora ben, é certo que era bo dalgunha maneira ir tendo un relevo. Eu espero que cando se constitúa a mancomunidade de municipios, que é o que temos previsto facer despois de amañar certas cousas no Consorcio, efectivamente outra persoa ocupe o meu posto porque é necesario darlle relevo a esta presidencia. Porque sabes que é un cargo non remunerado, un cargo que necesita moitísima adicación e, ao mesmo tempo, ten inconvenientes como pode ser que te denuncien, como pasou nun momento determinado, e teñas que poñer cartos do teu peto.

O alcalde de Oleiros presentouse á presidencia outra vez, é o máis discrepante con vostede e mesmo o levou, como menciona, ao xulgado. Poderase reconducir esa relación e retomar o consenso?

Eu co señor alcalde de Oleiros sempre mantiven unha relación respectuosa, porque o respecto moito porque o escollen os habitantes e cidadáns de Oleiros. A partir de aí, ten que entender que estamos nun país democrático e o que di a maioría é o que hai que saber aceptar. El quere ser presidente do Consorcio, pero eu entendo que andando conforme fai con concellos como Cambre, Abegondo ou Culleredo, onde a relación non é precisamente amistosa, non pode pretender ser o presidente si anda a trastazos con nós.

Esa reconciliación pinta difícil...

Pola miña parte está asegurada. Non hai problema ningún. Eu nunca respondía ás súas palabras por insultantes que foran porque o respecto como alcalde e persoa. Non son persoa de andar insultando a ninguén. A man vaina ter sempre tendida. Incluso cando me denunciou, así que se arquivou, fun onda el ao seu despacho dicindo que se equivocara e que llo perdoaba. Non sei a razón pola cal o fixo pero el saberá cando nos denunciou a min, ao secretario, ao interventor e ao xerente.

Que cousas hai que resolver para formar a mancomunidade?

Asuntos pendentes como a oferta de emprego público, que se vai sacar nos próximos días, xa que se aprobou a RPT (Relación de Postos de Traballo). Resolver o tema de Nostián coa Coruña a ver cal é a expectativa que vai haber e solucionar os refugallos, polo menos provisionalmente, que de momento estamos levando a Sobrado dos Monxes. Imos sacalo a licitación por outros 6 meses e prorrogable outros 6 por si non temos resolta a problemática.

Que prazo manexa para a mancomunidade? Van anos agardando.

A min gustaríame tela para o ano que ven, e que todo o mundo estea de acordo e que no 2024 xa se resolva a creación. Todo isto é poñerse de acordo.

A próxima semana será a primeira mesa técnica coa Coruña polo lixo. Levarán algunha petición ou condición ou van só escoitar?

A min de momento non me convocaron. Non sei día aínda. Supoño que nos convocarán.

Díxose que sería en quince días.

Si, falouse, pero non sei aínda. Celebrarase antes un pleno do Consorcio porque temos que aprobar as contas e sacar a licitación os refugallos e así de paso tamén dicir quen vai ir a esas reunións técnicas. Técnicas e políticas.

Vostede ten algunha proposta?

O normal é que fora o presidente e máis a vicepresidenta. Pero neste caso concreto eu vou sometelo a consideración. Si quere algún voluntariamente, eu encantado da vida. Como en todos os sistemas democráticos.

O presidente do Consorcio, en Abegondo.

O presidente do Consorcio, en Abegondo. / Víctor Echave

Tiñan paralizada a redacción do seu contrato de recollida á espera de aclarar coa Coruña o sistema que se seguirá. Retomouse?

Estamos á espera de saber o que vai ocorrer con Nostián. E esperemos este mes ter a proposta de Ecoembes de onde colocar os contedores para despois analizar canto vai custar a recollida.

Na mesa coa Coruña, van poñer algunha condición ou só escoitar?

Igual que o outro día, o Consorcio vai escoitar. Non é o dono da planta, é un cliente preferente. Nós encantados da vida de escoitar o que nos van propoñer. E despois, opinar.

Sopésase o modelo mixto entre Nostián e Sogama do que se falou?

De momento non sopesamos nada ata que diga quen ten que dicir, que é o Concello da Coruña. E despois opinaremos. Por parte do Consorcio tíñamos hasta non hai moitos meses o seco-húmido e cambiouse e estamos á espera de que A Coruña nos diga que quere facer.

O Consorcio ten un estudo de canto suporía cambiar a Sogama?

De momento non temos estudado nada. Estamos á espera. Fomos a Nostián porque nos consideramos corresponsables do derrubamento do vertedoiro de Bens, porque non nos cobraba nada A Coruña. Moralmente, creo que estábamos obrigados a ir a Nostián independentemente de que nos gustara o sistema seco-húmido, e consideramos que era máis ecolóxico. Nostián non foi o que en principio se consideraba que ía ser, pero seguimos na mesma posición da que partimos. Evidentemente, non cumpriu as expectativas, porque se non non faría falla levar a un vertedoiro os refugallos. Era bo que iso non se repetira, que os obxectivos sexan realistas e non cálculos teóricos que na realidade non se consuman.

Na mancomunidade serán os mesmos concellos?

Nunca se sabe. Ao mellor hai algún concello máis que puidera estar interesado. Por exemplo, falando co alcalde de Arteixo de Nostián, díxome que si funcionaba Nostián e tiña unhas determinadas condicións que puidera entrar el, encantado da vida tamén de entrar.

Isto canto foi?

Hai dous días .A semana pasada ou hai 15 días. Si se fixera un sistema onde puidera entrar e que lle saíra máis económico que levar o lixo a Sogama, que parte do lixo o puidera levar a Nostián, podía estar interesado. Vai depender da cuestión económica e do que se vai facer en Nostián. Iso me transmitiu a min.

Obxectivos para este mandato?

Deixar resolto Nostián, resolto o tema de persoal e facer a oferta de emprego público. Deixar encauzada a mancomunidade, aumentar incluso as atribucións da mancomunidade sería o ideal. Pero non vou entrar nesa dinámica. Eu creo que teño máis que cumprido con acabar este proceso de Nostián e o da mancomunidade.

Suscríbete para seguir leyendo