Entrevista | Aurora Marco Presenta o seu novo libro hoxe en Carral

“Carmiña Sierra escapou do estereotipo de muller de boa familia que casa”

“Ela tiña o afecto dos seus irmáns, pero estaba nas antípodas. Chamábanlle ‘Carmiña la roja”

Aurora Marco.

Aurora Marco. / Xoán Álvarez

A escritora e investigadora Aurora Marco presenta hoxe o seu libro Carmiña Sierra. A primeira muller no Seminario de Estudos Galegos na Casa de Cultura de Carral ás 19.00. Ofrecerá tamén un relatorio no acto, que abre las XVI Xornadas Recuperación da Memoria Histórica da asociación Cultura Aberta.

Como naceu a idea de investigar sobre Carmiña Sierra?

Cando escribín o libro anterior, Irmandiñas, que se se publicou en 2020, xa busquei información sobre Carmiña Sierra, xa andaba tras a súa pegada. Hai un capítulo nese libro adicado ás mulleres no Seminario de Estudos Galegos porque formaban parte tamén da rede irmandiña, igual que outras moitas. O que pasa é que con esa busca sempre me quedaba detida no ano 1935. Cando pensei na celebración do centenario do seminario, comecei a traballar nas mulleres que incluíra naquel capítulo, a profundar máis, e tiven a sorte de dar coa familia dela. E a partir dese momento foi todo moi doado porque desde Caracas me proporcionaron todo tipo de información e documentos. Coas miñas investigacións no arquivo de Valga, no de Pontecesures, no universitario de Santiago, no arquivo xeral da administración en Alcalá de Henares, no do Partido Comunista en Madrid e en fontes hemerográficas e a información que me proporcionou a familia e os documentos, reconstruín a vida de Carmiña Sierra de principio a fin.

E que atopou?

Unha vida moi interesante dunha muller adiantada ao seu tempo, que mesmo foi pioneira porque foi a primeira que entrou no Seminario de Estudos Galegos. Naquel momento eran moi poucas as mulleres que accedían á Universidade de Santiago. E o Seminario de Estudos Galegos era unha entidade ligada á universidade. Ela entrou aos poucos días de constituírse o seminario.

Que lle atrae tanto dela?

Foi unha muller moi interesante que viviu no ambiente cultural de Compostela, unha lectora afervoada desde nena que acariñou a idea de adicarse á docencia, por iso se trasladou a Madrid ao finalizar a carreira para preparar oposicións a cátedras de literatura, que gañou e exerceu mentres puido. Aprobouna en 1923, en plena República. Foi defensora da República, ingresou no Partido Comunista e no 39 estaba moi comprometida politicamente, igual que o seu marido. Non se someteu ao expediente de depuración e viñeron para Pontecesures, onde montaron unha explotación agraria, un proxecto moi ambicioso e moi moderno que en certa medida seguía ás veces as directrices da Misión Biolóxica de Galicia. Isto foi do 39 ao 46. Ao tempo, desenvolveron unha intensa actividade política en colaboración coa resistencia antifranquista.

Por que máis cousas di que era adiantada ao seu tempo?

Era unha muller adiantada ao seu tempo que vivía nun ambiente marcadamente conservador, porque a súa familia era da burguesía cesureña. As mulleres do seu status social normalmente tiñan unha preparación cunhas mínimas ensinanzas, a chamada educación de adorno, para preparalas para o matrimonio. Non foi ese o seu caso. Ela quixo estudar na universidade, quixo traballar.. Era unha muller comprometida coa sociedade do seu tempo dende o punto de vista político. E no Franquismo loitou contra os que se sublevaran. E por iso estivo presa tres anos e no 52 partiu cara ao exilio do que nunca máis regresou. Estivo 44 anos vivindo en Caracas. Morreu alí e só veu unha vez a Galicia, mais tivo unha sensación de estrañamento, nada era igual. Ela tiña os afectos, o cariño dos irmáns, pero estaba nas antípodas, era coñecida na familia como Carmiña la roja. Non quixo regresar.

Presenta o libro no Día contra a Violencia de Xénero.

E xustamente hoxe [por onte] hai ese asasinato da muller do Porriño que presumiblemente sexa tamén violencia machista. É unha lacra que hai que non dá finalizado.

Que se pode aprender hoxe de Carmiña Sierra?

Eu aprendería a súa forma de estar no mundo. Era unha muller coas ideas moi claras, sabía o que tiña que facer. E enfrontou os diversos problemas que tivo co traballo. Cando ela naceu e viviu, as mulleres parece que tiñan que andar tuteladas durante moito tempo e ela escapou dese estereotipo de muller de boa familia que casa. Quería ser útil á sociedade.

Que aportou ao Seminario?

Era moi noviña cando entrou, 17 anos. Iso dá indicio de que tipo de moza, de adolescente era.

O libro explica tamén a relación coa Operación Termópilas.

Siro López escribiu en 2020 sobre a Operación Termópilas e trasladou as confidencias que lle fixera Domingo García-Sabell. Eu explico con nomes e datas todas as persoas que estiveron implicadas nesa operación, que finalmente non se levou a cabo.

E aí estaba Carmiña.

Si. Carmiña e o seu home. Pontecesures. Foron figuras fundamentais naquela rede. Axudaban economicamente, agochaban a persoas perseguidas, viaxaban onde tiñan contactos... Una persoa que participou naquelas actividades coa resistencia antifranquista, cando preguntaron nun consello de guerra por todo aquilo dixo que unha das persoas que era decisiva era Carmiña Sierra.

Suscríbete para seguir leyendo