Belén Taboada | Concelleira de Servizos Sociais e Igualdade

“Que as empresas ‘low cost’ non se presenten en Oleiros para o contrato de axuda no fogar”

“Temos unha media de 250 usuarios, aumentou no último ano, pasa en todos os concellos”

Belén Taboada

Belén Taboada / L.O.

O Concello de Oleiros acaba de por en funcionamento unha páxina web dedicada só ás persoas usuarias do servizo de axuda no fogar e aos seus familiares cunha tripla finalidade: darlle máis transparencia a esta prestación, ter un maior control sobre como se leva a cabo e tentar que teña a maior calidade posible polo colectivo ao que se dirixe: persoas maiores, moitas veces dependentes e máis vulnerables. Esta web xurde da iniciativa da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade que dirixe Belén Taboada.

Esta páxina web xa está a ser empregada polos usuarios do servizo de axudas no fogar?

A web está feita xa dende novembro de 2022, vimos que funcionaba moi ben e entrou agora en funcionamento con tres familias que xa descargaron a aplicación. Trátase de tres casos concretos de usuarios que están en Oleiros pero con familias no estranxeiro, unha situación especial. Ata agora comunicabámonos coas familias por correo electrónico. Para este tipo de casos é moi útil porque, por exemplo nun caso concreto as fillas da persoa usuaria, desde outro país, poden saber en todo momento como está o seu familiar, a que hora entrou e saíu a persoa encargada de atendelo, se houbo algunha incidencia, todo.

O Concello ten agora mesmo en tramitación o novo contrato do servizo de axuda a domicilio e comedor sobre rodas. Está incluída na licitación este servizo web?

Si. Como dixen, fixémola antes da licitación, funciona ben e incluímola no prego. A futura adxudicataria deberá usar este programa específico do Concello no seu traballo, cada día informar na aplicación municipal as altas, baixas, suspensións, rexistro de visitas, calquera incidencia. É un paso adiante neste servizo, en calidade e en calidez de atención a estas persoas.

Como funciona?

Todos os usuarios do servizo de axuda no fogar teñen uns expedientes e abrimos un perfil de familiar e reciben unha ligazón para descargar a aplicación ou accedendo directamente á web. Podes facelo no móbil ou no ordenador. Reciben un contrasinal para o acceso.Ten que darse de alta o usuario aínda que se se trata dunha persoa que ten unha alta dependencia ou un caso semellante, pode facelo o fillo ou filla. Hai casos complexos e moitas casuísticas, como de persoas tuteladas.

Que melloras supón este sistema respecto ao que había antes?

A principal é que aporta información en tempo real. Antes había que esperar a comunicar unha incidencia, por exemplo avisar que mañá non viñese a auxiliar porque a familia levaba ao usuario ao médico, e tiña facelo en horario de oficina. Agora é instantáneo e supón un aforro de custe e tempo para todos. A empresa, o Concello e as familias poden ver en tempo real se ese día houbo un cambio de auxiliar e o motivo, informar da suspensión da atención ao día seguinte porque hai unha cita médica ou unha hospitalización... Podes ver o horario das fichaxes do persoal, que horario fixo. Isto axuda á transparencia porque despois as familias poden contrastar estes datos coas facturas que reciben pola prestación, por exemplo.

Hai moitos casos de concellos que priman o prezo máis baixo en servizos tan sensibles coma o de axuda no fogar.

Moitas veces tes que pelexar, con Intervención, por exemplo, porque non queres puntuar as ofertas máis baixas. Por iso temos un comité de expertos para darlle máis puntuación á parte técnica. No contrato que temos agora en licitación de axuda no fogar a parte técnica puntúa o 60% e a económica o 40%. As empresas low cost, que non se presenten en Oleiros. Nesta licitación nova pódese ver a aposta de Oleiros pola calidade do servizo por riba do factor prezo. Incorporamos unha mellora moi importante, pasamos dun prezo de 18,40 a 25,45 euros a hora, por exemplo. Apostamos por un prezo real do custe do servizo, cremos que este é un prezo xusto. E iso que este servizo non é competencia municipal. É incrible que a Xunta estivese pagando durante os últimos quince anos a 9 euros a hora. Subiu agora a 12 euros, acaban de actualizar. Pero ese copago é irreal, o custe real é máis alto. Hai concellos ademais que contratan empresas low cost para dependencia e outras para a libre concorrencia. Oleiros non.

Cantos usuarios hai agora no servizo de axuda no fogar de Oleiros?

Hai unha media de 250 persoas utilizando este servizo. Incrementouse moito neste último ano. É algo que está pasando en todos os concellos. A concesión da dependencia tarda unha media de un ano e medio. Fas a solicitude, pides que recurso queres e estás seis ou oito meses ata que veña alguén da Xunta a facer a valoración dun dependente á túa casa e despois pasa a outra mesa, que é a que di que servizo che conceden. É un auténtico despropósito. A libre concorrencia naceu polo tempo tan longo que tarda a Xunta en resolver a dependencia. É certo que este servizo é unha inversión, non un gasto, pero co copago actual non é doado para todos os concellos. É inviable para un concello pequeno dar un servizo de calidade porque a axuda no fogar lévalles máis do 50% do orzamento, en algún caso. Ademais, coas pensións que hai, de 800 ou 900 euros ao mes, é inviable que unha persoa poida entrar nunha residencia pública. A Xunta anunciou hai uns días o do bono coidados, unha nova axuda de 5.000 euros para dependentes, pero non é algo novo, xa existía, só era unha actualización dos importes.

Di que aumentaron os usuarios.

Si. Antes o peso dos coidados recaía nas mulleres, hoxe tamén traballamos fóra e igual que as familias precisan máis das escolas infantís, tamén de máis recursos para maiores. Tamén agora hai máis grandes dependentes. É algo que irá a máis.

Houbo casos na comarca de auxiliares facendo folga por demoras en pagar nóminas ou polos baixos salarios.

Hai que por en valor a prestación da axuda no fogar, é un traballo moi duro. Son sobre todo mulleres, en soidade, sen un apoio en quen facer unha descarga emocional. Hai concellos nos que ata poñen o seu coche sen que lles paguen. Nós neste contrato incluímos moitas melloras. Ademais da suba do prezo da hora aumentamos o do quilometraxe. O convenio fixa en 0,18 céntimos o quilómetro. Nós coa empresa actual está a 0,22. E aumentamos o tempo de descanso, por riba de convenio.

Suscríbete para seguir leyendo