O coidado das froiteiras rebrota en Abegondo

Alumnos de varias provincias, cada vez máis novos, acoden aos cursos do Concello

Foto de grupo dos participantes no curso.

Foto de grupo dos participantes no curso. / L.O.

“Ao principio viña xente maior, xente de campo, e agora ven xente nova, xente de chalés e de explotacións antigas, dos pais”, conta Francisco Otero, enxeñeiro agrónomo que desde hai 18 anos imparte os cursos de poda, fruticultura ou enxerto que ofrece o Concello de Abegondo. Hoxe, sábado, celebra a clausura da última das formacións, sobre poda, na finca, súa, na que ensinou a aplicación práctica dos correctos coidados para árbores froiteiras a uns vinte alumnos. “Non collen máis”, asegura, e explica que os aprendices esta fornada son de Abegondo, Cambre, Carral, A Laracha ou Betanzos, pero noutras edicións teñen vido doutras provincias. “No curso anterior había xente de Lugo e de Santiago. Para os cursos de poda sempre hai xente”, afirma e conta que observa nos últimos tempos un rexurdir do interese polas froiteiras no que convive o gusto pola tradición e as especies autóctonas co interese por “modas” como as feixoas ou os aguacates. “Noto unha ansia moi grande por aprender”, observa.

Un momento da clase de coidado de froiteiras.   | // L.O.

Un momento da clase de coidado de froiteiras. | // L.O. / Sara Vázquez

Conviven tamén nas formacións contados alumnos que “xa plantan unha hectárea ou media hectárea” con outros que chegan á formación cando xa plantaron e, polo tanto, xa é tarde para remediar certas eivas. “O fallo que eu lles vexo é que plantan antes do cursiño. Entón, queren rectificar. E hai que dicirlles que agora, si están casados, ao teu marido aos 60 anos xa non o vas cambiar. E a árbore é igual, ou o cambias de pequeno ou agora xa non”, conta Otero divertido.

“É importante escoller ben desde principio”, afirma Otero, y concreta que o fundamental é seleccionar “o patrón e a variedade” das árbores. “A primeira lección que lles ensino é o que é unha árbore, que é dúas cousas: o patrón e a variedade. O patrón aporta máis ou menos vigor, tamaño ou resistencia a enfermidades, hai que buscar boa combinación coa variedade. Poda máis un patrón que una tesoira de podar”, asegura Otero.

O seguinte paso é estudar a poda de formación e a de frutificación. “A poda de formación é escoller o sistema que nos aproveite mellor para a eficacia produtiva, a luz… E a poda de frutificación trata de que nas ramas principais hai uns órganos que hai que coñecer, que uns dan froita e outros non, para facerlles dar froita todos os anos o máis posible”. O último punto clave dos cursos de Otero é o aclareo: “desmestar, quitar mazás aínda pequenas para que as árbores non sexan aneiras, é dicir, evitar que dean froita un ano si e outro non”, apunta. O docente explica que “o 80% das árbores en Galicia carga máis froita nos anos impares que nos pares e o que hai que facer para regular iso é quitar froita nos anos de carga”.

Otero achaca parte do éxito dos seus cursos á escaseza destas formacións “ao non haber unha riqueza no país neste sentido de que non hai plantacións, non hai unha cultura”. “Hai cultura de ter sete ou nove árbores, pero iso non é vivir da froita” e ve unha vía de futuro nas maceiras de sidra, que, afirma, proliferan.

Suscríbete para seguir leyendo