Entrevista | María Cristina Naya Riveiro Vicerreitora e profesora de Matemáticas na UDC, Muller de Arteixo 2024

María Cristina Naya Riveiro, muller de Arteixo 2024: “É bo que as nenas saiban que poden cumplir soños como as súas veciñas e comadres”

“Se os profesores non teñen amor pola materia que imparten, iso trasládase aos alumnos”

A Muller de Arteixo 2024, María Cristina Naya Riveiro.

A Muller de Arteixo 2024, María Cristina Naya Riveiro. / LOC

Daniel Abelenda Lado

Daniel Abelenda Lado

A vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña (UDC) María Cristina Naya Riveiro recibiu onte o nomeamento como Muller de Arteixo 2024. Veciña de Vilarrodís, con raíces familiares tamén en Barrañán, destaca como profesora e investigadora en Didáctica da Matemática na Facultade de Ciencias da Educación. O Concello organizará un acto de recoñecemento para ela o próximo 21 de marzo, ás 17.00 horas no auditorio do Centro Tecnolóxico de Arteixo.

Que sinte polo nomeamento como Muller de Arteixo 2024?

Estes recoñecementos sempre parecen abraiantes. Eu son unha persoa discreta, pero é de agradecer que recoñezan na túa casa unha labor tan custosa no eido académico. É importante que, en datas coma esta, se aplauda o labor que fan as mulleres. Seguramente hai moitas máis en Arteixo que poderían ter merecido este premio noutras eivas. É bo que as nenas saiban poden cumprir soños como as súas veciñas e comadres. Non é sorte, hai que traballalo e leva un custo importante, pero é posible. No meu caso, fun a primeira universitaria da miña familia. Despois viñeron máis. O apoio na casa é esencial e os meus pais tivérono sempre presente na miña formación.

Está, entón, máis orgullosa de ser unha referencia para esas nenas que da distinción en si?

O lugar ao que podas chegas depende moito da familia que podas ter. A min axudoume moito para crecer profesionalmente. Aínda hai moito que mellorar na conciliación. Non só o que fai a persoa, senón todo o seu entorno.

A súa contorna esta moi arraigada en Arteixo.

A miña nai é de Oseiro de toda a vida e, meu pai, de Barrañán. Polo tanto, estamos moi ligada a Arteixo.

Gustánbanlle as matemáticas xa dende cativa.

Saber ao que te queres dedicar supón unha certa vantaxe. É unha decisión moi difícil que tes que tomar a unha idade na que, ao mellor, non sabes o que queres facer. E, agora, coas novas tecnoloxías que cambian a sociedade e as profesións, aínda máis. O que pensas que queres facer ao comezar a carreira universitaria poder ter mudado cando a finalizas. Eu tíveno sempre claro. Lembro que na miña zona había un ultramarinos que cerrou hai tempo porque os donos se xubilaran. Hai poucos anos, encontreinos pola rúa e comenteilles que traballo dando clase na universidade. Eles aínda lembraban que lles dicía de pequena, cando aínda non chegaba ao mostrador, que quería ser profesora de matemáticas. Ter clara a miña carreira profesional axudoume moito.

Dábanselle ben xa daquela?

Sempre me gustaron, pero non foi un camiño fácil. Non teño unha cabeza moi matemática, mais considérome traballadora e responsable. Non é unha carreira sinxela. Aínda que non tiña o hándicap de hoxe en día, cos dobres graos e notas de corte elevadas, cando eu accedín tiñas garantida una praza con superar as probas de acceso á Universidade. Ao empezar na Facultade había cinco grupos con 150 ou 190 alumnos. Cando chegamos ao terceiro curso, na especialidade de Matemática Aplicada, éramos 20 estudantes. O acceso era fácil, pero a continuidade dos estudos, era máis difícil. Non todo o mundo aguantaba o ritmo.

Cantas mulleres eran na súa promoción?

Na titulación en Matemáticas non hai moita diferencia no ámbito de sexo. A saída maioritaria é a docencia, na que hai moita presenza feminina. Podería dicir que éramos máis mulleres que homes entre o alumnado, mais non era así entre o profesorado. Había moi poucas profesoras dándonos clase. Ter unha referente era complicado. Hai moitos teoremas, pero todos con nome de home. Cando estudaba Matemáticas na carreira non coñecía referentes mulleres. Empecei a descubrilas no doutoramento, cando vin que as máquinas nas que faciamos as prácticas levaban o nome de investigadoras como Marie Curie.

Cambiou a situación docente?

Eu non estou na Facultade de Santiago, pero algo mudou. E hai máis referentes polas iniciativas que axudan a estes recoñecementos.

Como se pode traballar cos alumnos para reforzar a relación coas Matemáticas?

Unha das materias que máis lle gustan a calquera neno de Infantil son as Matemáticas. Non é unha materia como tal, senón áreas e conceptos da lóxica matemática. Empeza a desgustarse con conceptos que entran na Primaria. O primeiro poden ser as restas con levadas. Quizais non é o procedemento máis ideal. Hai outros que non precisan a resta con levadas. Usar métodos máis manipulativos pode favorecer a aprendizaxe mecánica e algorítmica. Pode ser que non se fagan por descoñecemento, falta de formación ou reiterar o que nos ensinaron. Non hai unha variña máxica para mellorar. Hai que coidar a formación do profesorado para que non se transmita o medo á materia.

Como pode motivar ao alumnado que non lle gusta a materia?

Temos que relacionar as Matemáticas coas demais materias. A comprensión lectora é esencial para resolver os problemas. A educación é separatista en áreas, o que repercute na forma de ensinar. Hai que transmitir o amor por todas as disciplinas, e iso depende da persoa da que se reciben as ensinanzas. Se os profesores non teñen amor pola materia que imparten, iso trasládase ao alumno.