Entrevista | Martín Seco Secretario xeral do PSOE de Arteixo e novo edil na Corporación

Martín Seco: “Nunca tiven a intención persoal de deixar o Concello de Arteixo”

“Existe unha deficiencia importante na xestión diaria, de contratos e de servizos por parte dun Goberno que manexa un orzamento moi elevado”

Martín Seco.

Martín Seco. / LOC

Daniel Abelenda Lado

Daniel Abelenda Lado

O PSOE de Arteixo confirmou esta semana que o seu secretario xeral, Martín Seco, volverá formar parte do grupo na Corporación. A marcha de Luis Vázquez por motivos profesionais, confirmada o pasado martes, abriu as portas ao retorno de Seco á política local por seren o seguinte na lista. Quen xa fora concelleiro entre 2015 e 2020 regresa tras unha etapa de catro anos no Parlamento de Galicia. Afín ao exsecretario xeral do PSdG, Gonzalo Caballero, non formou parte da candidatura para as Autonómicas do mes pasado.

Como vive o retorno ao grupo municipal de Arteixo?

O Concello de Arteixo é un lugar no que me atopo moi cómodo. Tiven que deixar a Concellería no seu día porque non podía exercela xunto co cargo no Parlamento. Nunca tiven a intención persoal de deixar o Concello de Arteixo. Estou moi implicado na vida social e síntome contento de traballar para os cidadáns aquí.

Que asuntos lle inquietan máis nesta nova etapa no Pleno?

Son o secretario xeral desde hai anos. Houbo un período no que non o fun, pero van xa dous anos desde o último mandato. Preparo os temas que van a Pleno cos meus compañeiros e estou no día a día da vida municipal. O que máis me preocupa é un dos temas que levamos este mes. Existe unha deficiencia moi importante na xestión diaria, de contratos e de servizos por parte dun Concello que manexa un orzamento moi elevado. Vemos que se perden obras e cartos de subvencións mentres non se xestionan servizos básicos como a asistencia aos maiores e as axudas ás familias para os comedores escolares.

Manterá Ana Cedeira o cargo de voceira do grupo?

Ata o momento, na executiva só falamos da miña incorporación, que tivo un respaldo unánime. Na próxima reunión que teñamos estableceremos cal é a mellor fórmula de traballo. Eu só podo estar agradecido e aplaudir o labor que fai Ana como voceira. É unha persoa implicadísima, que coñece moi ven Arteixo y ten unha gran capacidade de diálogo. Nun Concello no que a oposición non ten ningunha dedicación específica, esta responsabilidade é algo plural. Falarémolo próximamente, pero non me parece importante.

En menos dun ano marcharon dous concelleiros do PSOE. En qué punto se atopa a agrupación?

Atópase ben, foron circunstancias puntuais. A marcha de Patricia (Boedo) foi unha cuestión moi persoal. E o tema de Luis xa viña soando nos últimos tempos polo maior traballo de veterinarios coas granxas.

Que aprendeu no Parlamento que poda aplicar agora en Arteixo?

Veño con máis experiencia. Teño analizado funcionamentos doutras administracións que poderían ser bos para o Concello. Espero que no futuro, como oposición ou onde sexa,poda aportar esta experiencia para un Arteixo mellor.