Case nove meses despois do seu nomeamento por delegación como presidente da Xunta por parte do anterior titular, Alfonso Rueda segue tendo cara de vicepresidente. Ás dúbidas recoñecidas implicitamente sobre o seu carisma no debate sucesorio de Feijóo, engádeselle agora tamén a sospeita sobre aqueles atributos compensatorios que debe posuír o príncipe cando non é simpático, atractivo nin “campechano”, é dicir, autoridade, decisión, astucia, severidade. Rueda semella afectado xa pola síndrome do segundón, de quen gañou o seu prestixio no pasado como man dereita do líder carismático a quen libraba da pesada carga do traballo sucio orgánico ou burocrático e que, pola mesma natureza servil da súa relación co vinculeiro, non dá acadado cando este desaparece o recoñecemento dos seus pares, que seguen vendo nel a sombra do antigo xefe e, o que é peor, o usufrutuario dunha lexitimidade non conquistada por el mesmo, senón outorgada, delegada polo soberano ausente. Este complexo semella corroboralo o propio Alfonso Rueda cada vez que procura ansiosamente fotos á beira do antigo patrón ou de Rajoy, facendo patente aquilo mesmo do que o acusan a diario, a saber: que carece de confianza no seu propio prestixio que lle foi tamén confiado en depósito, e que ten como data de reintegro as vindeiras eleccións autonómicas.

Alén das cuestións de liderado, carisma e sucesión, tampouco parece que as cousas vaian mellor no que debera ser a súa especialidade: a xestión dilixente dos asuntos administrativos, isto é, a gobernanza. Comezou situándose de par da facción máis ultramontana do seu partido en asuntos como a exención fiscal aos ricos nos impostos de transmisión, que promoveu Díaz Ayuso, ou na proposta de García-Gallardo, o vicepresidente de Vox en Castela e León, secundada por Mañueco, de atrancar pola vía da extorsión psicolóxica o dereito das mulleres a controlar o seu embarazo. Definíndose como un ultraliberal regresivo en materia económica e nacional-católico no que atinxe aos dereitos das mulleres, perdeu a oportunidade de competir polo espazo de centro e amosou, por fin, o que talvez sexa o seu verdadeiro rostro ideolóxico, situado en coordenadas moi afastadas do consenso maioritario na sociedade sobre estas cuestións.

Nos asuntos que dependen unicamente da súa propia competencia, como a Sanidade e o concurso eólico, as cousas semellan ir de mal en peor. No primeiro caso, o goberno da Xunta non atopa mellores argumentos para xustificar as delongadas listas de agarda no Sergas que criminalizar a quen as denuncia, facendo, unha vez máis, oposición da oposición. Por último, a aprobación atropelada de máis de 70 proxectos de novos parques eólicos en menos dunha semana, ademais de pór de manifesto a entrega do País aos intereses do oligopolio enerxético, augura problemas severos na fase de recurso, así como a mobilización constante por parte dunha cidadanía cada vez máis consciente do espolio.

Só as vitorias conquistadas persoalmente redimen os herdeiros do estigma da súa ilexitimidade, e nin tan sequera o PP ten asegurada en Galicia a vitoria baixo a dirección dun liderado mediocre.