Opinión

Académico numerario da RAG

Murguía, corresponsal de ‘La Crónica’ de New York (I)

Desde o ano 2000, coa publicación de seu epistolario nomeadamente, Murguía precipitouse no mundo académico como un vulto inesperado. Diante de tamaña sorpresa as reaccións foron moi diversas: facer que non se ve —era pequeniño—, descalificalo con argumentos sombríos, arredalo discretamente cun sorriso compasivo ou gabalo con tópicos académicos. Sombras, en definitiva, que se interpoñen entre a historia e o saber histórico, como nos dixo sabiamente A. Saborit. Menos mal que os profesores Barreiro e Beramendi acertaron a meter a Murguía na rolda da santa compaña do nacionalismo e ancoraron a súa memoria para sempre na historia e historiografía de Galicia.

Foi a corresponsalía unha faceta e dedicación de Murguía que mostraron como absoluta novidade, entre outras moitas, as cartas intercambiadas con Manuel Peña, director do citado xornal que contratou como corresponsal a un mozo ben informado e formado periodista aleitado na prensa madrileña, concretamente nas redaccións de La Iberia (1854-1898) fundada por Pedro Calvo Asensio e a revista ilustrada El Museo Universal (1857-1869), fundada por José Gaspar e José Roig. Aínda que foi moi activo nas páxinas destas cabeceiras madrileñas publicando novelas por entregas e mantendo sonadas polémicas sobre a figura do Cid (1857) e da pintura académica cos Madrazo (1858), non chegou Murguía a formar parte das súas redaccións tal como certifica Hartzenbusch no seu canónico catálogo de periódicos madrileños.

Estamos, lembremos, nunha etapa de cultura eminentemente hemerográfica, na que revistas e periódicos tiñan un especial protagonismo como campo ideolóxico no que se dirimían os enfrontamentos políticos entre absolutistas e liberais e nacionalistas. Neste contexto será chamado por Alexandre Chao para traballar e responsabilizarse do xornal La Oliva (Vigo) cando acababa de casar con Rosalía. As multas continuas de que vai ser obxecto esta cabeceira, que provocan a deserción de Alexandro que emigra a Cuba, probablemente determinen que Murguía acepte a oferta de traballo que lle fai o ferrolán Manuel Peña (1822-1865), director de La Crónica de Nova York, defensora dos intereses de España en América. O director contrata a Murguía por mediación de Eduardo Chao, político e empresario liberal, sempre protector e amigo da familia Murguía Castro. Non renuncia Peña a trazar o perfil dos traballos do corresponsal: crónicas purgadas de toda pasión de partido, abstenerse toda censura ao goberno, enaltecer o progreso e papel de España no concerto internacional, ponderar sempre os acontecementos da Marina; nada de bravatas, pero a respecto de Cuba, defensa incondicional da presenza de España e mencións á política europea. Propón como modelos de crónica as de Pedro Fernández en La Época e as de Gallardet desde París para el Courrier des États Unis.

Hai un dato que pode ser significativo para valorar a consideración de Murguía do seu traballo como cronista; a pesar do ofrecemento de Peña de que pode asinar as crónicas co seu nome ou coas iniciais, renuncia a facelo, probable indicio de protesta polas limitacións impostas pola dirección.

A estrutura das sucesivas crónicas que envía Murguía desde finais de 1860 ata febreiro de 1862, un total de 52 extensas entregas, responde, en termos xerais, ás demandas do director: encabezadas como Correspondencia de La Crónica, datada semanalmente en Madrid, comeza coa crónica parlamentaria de España que se extende ao panorama político reflectido na prensa de maior circulación; segue sempre un moi extenso panorama da convulsa política europea e internacional mencionando como fonte as cabeceiras xornalísticas de Francia, Bélxica, Italia, Alemania, Inglaterra, Austria etc. Chega a mencionar máis de trinta cabeceiras diferentes. Pero resérvase Murguía como parte final das súas crónicas unha extensa información bibliográfica que lle permite, burlando as cautelas da dirección, opinar libremente sobre literatura, cultura popular, historia, ciencia etc. Aparece aquí a súa concepción da historia de Galicia que está a proxectar aproveitando as recensións da obra de Modesto Lafuente ou a súa dignificación da cultura popular aproveitando os comentarios sobre a obra de Ferrant, de Trueba etc. Do mesmo xeito as historias da literatura de Ticknor e Amador de los Ríos son motivo de comentarios críticos e non renuncia tampouco a narrar sucesos ocorridos en Galicia como as inundacións en Padrón, as denominadas “cheas”.