Opinión

Profesor Barreiro

Aos dous anos do seu pasamento, o Instituto José Cornide publica o volume Profesor Barreiro. Homenaxe debida a Xosé Ramón Barreiro Fernández.

Nacido en Ribeira en 1936 e formado no Seminario Maior de Compostela, Barreiro Fernández doutorouse en Dereito Canónico na Universidade Gregoriana de Roma en 1965. Desde os anos 70 vaise dedicar profesionalmente á historia, doutorándose por segunda vez en 1979 e xubilándose como Catedrático de Historia Contemporánea de Galiza na Universidade de Santiago.

Presidente da Academia Galega e biógrafo de Manuel Murguía, achegou o seu enciclopédico saber ao Instituto de Estudos Xacobeos e á revista Compostellanum, ao Instituto Padre Sarmiento, ao padroado Rosalía de Castro ou ao Consello da Cultura Galega.

Nesta obra colectiva de oportuna homenaxe, editada polos profesores Emilio Grandío e Ana Romero, recoñécese unha das figuras máis sobranceiras da historia cultural galega. Ilústranse diversos episodios dunha biografía poboada de retos e éxitos, retrátase a alma dunha persoa a quen todos e todas recoñecemos como mestre e achégase unha listaxe da súa inmensa produción publicada.

O profesor Barreiro, dono dunha voz gaioleira e dunha rotunda presenza física, era un erudito que sabía comunicar os seus moitos saberes e motivar o seu alumnado e audiencia, un traballador infatigábel e rigoroso que puxo os alicerces do relato historiográfico contemporáneo, a historia propia da nación galega, que apreixou a historia da prensa e que cultivou a historia local, en particular a da Coruña, a súa cidade desde os anos 80.

Profesor Barreiro, con excelentes fotografías de Xurxo Lobato e debuxos de Siro López, descóbrenos unha personalidade brillante pero xenerosa, erudita pero sensíbel, maxistral pero amena e apaixonada. Sabía descender dos debates máis complexos para pór roupa de faena e modernizar a Academia, actualizar a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán ou revitalizar o José Cornide.