Opinión | OPINIÓN

A Terraza: cabalos, luras e xornalistas

Edificio da Terraza.

Edificio da Terraza. / Víctor Echave

No alto do edificio, un grupo de homes observa como un barco abandona o porto coruñés á altura do Castelo de San Antón. No interior da embarcación fretada por Manuel Zapata Montero, viaxan á vila de Sada, as pezas de madeira, vidro e ferro forxado coas que Antonio López Hernández soñara a súa camaleónica Terraza. Un dos homes, o de máis idade e predicamento, tivo unha lembranza de Juan Fernández Latorre, o fundador de La Voz de Galicia e da Biblioteca Gallega, falecido había unha década.

Naquel tempo, nos felices pero convulsos anos 20, constrúense as tres alfaias modernistas do Recheo nos Xardíns de Méndez Núñez. O mar bica literalmente os pés dos palacetes que teñen un embarcadoiro ás súas costas. Ao luxoso Hotel Atlantic e ao Kiosko Alfonso únese en 1922 a nova Terraza, protexidos por unha mesta masa arbórea que deixa ver a xoia da coroa: o Banco Pastor, o primeiro rañaceos do estado, que se elevaba até os corenta metros de altura.

A nova Terraza, proxectada por Antonio de Mesa e culminada por Pedro Mariño, o autor do Palacio Municipal, é unha pequena catedral na que se acumulan intervencións arquitectónicas, unha de Peregrín Estellés, e usos moi diversos. O edificio resume un século de vida coruñesa e leva nas súas entrañas o zume do xornalismo radiofónico. Trátase dunha composición horizontal organizada en tres pavillóns, os laterais cupulados e o central culminado con catro torres. Con moita ornamentación, arquiños, métopas e grilandas e unha cuberta de brillante cerámica azul.

A principios de século, as familias con máis poderío contratan os mellores arquitectos e o modernismo agroma nas casas que exornan o ensanche coruñés. Julio Galán, Rafael González Villar, Manuel Reboredo ou Leoncio Bescansa deixan a súa pegada no rueiro herculino.

Polas datas da inauguración da nova Terraza finaban tres egrexios xornalistas e escritores. En 1921, dona Emilia Pardo Bazán, un furacán intelectual, omnipresente na Marineda en que ambientou La Tribuna. En 1923, Murguía, un erudito que foi parte da historia da cidade, que a coñecía como a palma da man e que presidira a Academia Galega desde a súa fundación. En 1926, Alejandro Pérez Lugín, o autor de La casa de Troya.

España vive os epígonos da Restauración no reinado de Alfonso XIII, nas vésperas da Ditadura de Primo de Rivera, e A Coruña é un niño de tensións entre o réxime esclerotizado e a democracia republicana á que lle custa nacer. Ocupan a alcaldía o republicano Juan González Rodríguez, Maximiliano Asúnsolo Linares-Rivas e Francisco Ponte Blanco.

Os promotores da Terraza, os irmáns Ramiro e Manuel Feal Díaz, conseguiron unha longa concesión municipal para ofrecer aos 70.000 habitantes da cidade un verdadeiro centro de ocio, alugando partes do edificio. Antes da guerra, a Terraza ofrece modernos servizos de restauración, posuía sala de cinema, de concertos, de baile e de xogos. Foi ademais sede do Deportivo e delegación da Metro Goldwin Mayer.

No alto do edificio, ese grupo de homes ao que se uniu agora un cativo choroso, observa como outro barco abandona o porto coruñés. Leva os nosos emigrantes á outra punta do mundo. A emigración está moi unida á historia do noso porto, do noso país, da nosa vida. Na Terraza axítanse as mans, contráense os corazóns e chórase de tristura ou de emoción.

Antón Villar Ponte foino todo no xornalismo coruñés. Fundador das Irmandades da Fala, foi deputado nos anos da República. Faleceu pouco antes do inicio da guerra civil. A guerra e a instauración da ditadura modificaron a vida da Terraza. A concesión pasou a mans da Falange Española e o edificio foi ocupado polo Frente de Juventudes, sendo sede de Radio Juventud (EFJ11) desde os anos 50 e tamén da Organización Juvenil Española (O.J.E.).

Os tempos de Radio Juventud, logo Radio Cadena Española, marcan un fito na historia do xornalismo radiofónico. Aturando unha censura implacábel e obrigada a conectar cos informativos de RNE, esta radio foi un centro de formación para unha morea de excelentes profesionais. Comandados por José Couceiro Tovar (Pepín) e por Pantaleón Bada Gómez, o xefe de programas.

Polos seus micrófonos pasaron Ananda Español, Mª Carmen Deus, Pablo Campos, Carlos Julio Beceiro, Santiago Vilariño, José Mª Comesaña, Venancio Parga, Adolfo Rivas, Carlos Cortón, Manuel Hernández, Javier Basilio ou Antón Luaces. Puxeron en pé programas míticos como Amigos de la Provincia, La Ballena Alegre ou Fiesta en el aire e mesmo introduciron o galego na programación.

Nos anos 60 falecían outros dous escritores inmortalizados na Terraza. En 1962, Julio Camba. En 1964, Wenceslao Fernández Flórez, outro xornalista de raza, lembrado pola súa obra El bosque animado.

Co final do franquismo, as emisoras de Radio Cadena Española intégranse en RTVE en 1978. Nese ano morría Salvador de Madariaga, outra gran personalidade coruñesa. Embaixador, ministro, exiliado, profesor, escritor e xornalista.

Desde os anos 80, a Terraza é a sede de RTVE. Lembramos ser convidados a algún programa de RNE cando Lino Braxe comezaba na radio e Moncho Viña era xa un mestre. Cando a Terraza acolle a RTVE, a escultora Docha López-Riobóo instala oito bustos doutros tantos escritores e xornalistas galegos, xa evocados nestas liñas, moi relacionados coa cidade e expresión de biografías e ideoloxías moi dispares.

A Terraza ten un porvir que xa está escrito. Na cidade propuxérona para acoller o CGAI ou un Museo do Cómic. Feliz e finalmente será a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia).

A Terraza ocupará sempre un lugar de privilexio na vida de moitas xeracións de coruñeses e coruñesas, de moitos profesionais do xornalismo. Foi testemuña de ditaduras, guerras e períodos democráticos. Veu desfilar unha gavela de alcaldes e alcaldesas.

Desde os anos 70, moitos nenos e nenas coruñesas xogaron aos seus pés entre as palmeiras. Pedaleando nas fermosas bicicletas de cabalos de Luís Mediero e cumprindo co ritual do bocadillo de luras fritidas que servía no Copacabana a familia Sánchez Velilla. Fotografándose nun extremo da Terraza en Foto Paco.

Por iso a Terraza perdurará na memoria de tanta xente. Como unha imaxe que nos representa. Recollendo o uniforme para un campamento da O.J.E. en Gandarío. Extraendo o palillo que amarra as luras. Gobernando a bici de cabalos. Tomando asento nos estudios da radio.