Opinión | Opinión

Ana Badía del Río | Avogada administrativa e membro da Asociación Cultural O Mural

Ineficaces medidas municipais para salvar os Lugrís

O pasado sábado, o Concello anunciou que vai encargar a dous expertos a elaboración dun informe para solicitar que a Xunta de Galicia declare bens de interese cultural (BIC) os frescos que Urbano Lugrís González pintou no edificio dos números 25-27 da rúa Olmos da Coruña. Xustifica esta actuación en que é preciso que os murais teñan a maior protección legal, xa que todos se atopan “en mal estado de conservación, nalgún caso, en estado crítico”.

Esta iniciativa carece de sentido e non vai servir para protexer materialmente as pinturas xa que a Asociación Cultural O Mural xa solicitou formalmente, o pasado mes de decembro, que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural declare BIC eses murais. A Lei de patrimonio cultural de Galicia obriga o Executivo galego a incoar o expediente e compilar unha serie de informes para avaliar a calidade das obras polo que o anunciado polo Concello coruñés só supón un gasto innecesario de cartos públicos.

Porén, o Concello aínda non realizou ningunha actuación no eido das súas competencias para protexer materialmente os murais. Malia o estado da fachada do edificio (que tamén conta con protección urbanística) e o incumprimento da empresa propietaria de varios requirimentos, o Concello non foi quen de iniciar a execución subsidiaria das obras precisas para evitar que as pinturas continúen a estragarse: fundamentalmente arranxando e pechando as ventás da fachada principal e o lucernario, ocos polos que a choiva penetra libremente filtrándose polas paredes en que Lugrís pintou a súa obra.

A concelleira de Participación Cidadá, Eudoxia Neira, recoñeceu no pleno municipal de xaneiro, que coñecían o estado do inmoble dende marzo de 2021 e que adoptaron medidas para a subsanación das deficiencias do edificio; mais ese expediente debeu quedar durmindo no fondo dalgún caixón, como amosa o ruinoso estado do inmoble que está a danar os frescos e pon en grave perigo tamén os edificios lindeiros e os peóns da rúa Olmos.

A actuación en Olmos, 25 é un exemplo máis do proceder do Concello. Hai que recordar que só tras as mobilizacións e reiteradas solicitudes dos veciños, o Goberno municipal actuou no caso do inmoble en ruína da rúa Santa Lucía que tivo cortado o tráfico durante meses.