O mundo ao revés

Académico numerario da Real Academia Galega

Os Caprichos de Goya (1779) poderían ser un paradigma do tópico denominado “mundo ao revés” que presenta os cans perseguidos polas lebres, os ratos que van detrás dos gatos, un burro que cabalga sobre o home, o mestre ignorante ensinado polo neno, os porcos que voan ou, en puro discurso antifeminista, a muller que vai á guerra con armadura mentres o home cociña no fogar. Foi desde o mundo clásico un recurso empregado en escenas, poemas, relatos e representacións iconográficas nas que se dá unha inversión a respecto da orde natural das cousas, un mundo “invertido”que permite, mediante unha especie de paradoxo, criticar a sociedade de maneira aceda como ben proba que o devandito tópico acentúa o seu uso en épocas de crise e de mudanza.

Tradicionalmente preséntase moi vinculado ao Carnaval e a numerosos xéneros festivos e populares que semellan ser un desbordamento temporal do Entroido. Gran parte da súa popularidade débese a que o “mundo ao revés” contou coa axuda da iconografía, nomeadamente a xilografía desde a Idade Media, para chegar a un público numeroso que non sempre sabía ler. Castelao empregou este recurso intelixentemente, concretamente nas súas Cousas da vida (Sendo borracho val máis ter un burro que un automóvil… e naquel que di As gaivotas non voan polo burro...) o mesmo que textualizaron Charlón e Hermida nos seus parrafeos.

Non entramos na complexidade do tema que Curtius propuxo maxistralmente para toda Europa (Literatura europea y Edad Media latina, 1956), obra que deberiamos ter traducida ao galego no seu tempo, máxime se temos en conta que o “mundo ao revés” foi empregado, non sempre con intelixencia, por todas as tendencias ideolóxicas.

De calquera maneira hoxe, aproveitando o próximo tempo de Entroido, queremos chamar a atención sobre algúns feitos dramáticos que resultan de aceptar os postulados do “mundo ao revés” como dogmas sociais. A causa desta anomalía está na herdanza ideolóxica que se debate entre a necesidade de lembrar ou negar, dilema presente en moitos dos conflitos políticos actuais.

Abondan os exemplos, que podemos ler a cotío nos xornais: permitimos que desde as páxinas salmón da economía e nos telediarios se fale das grandes inversións en estradas e infraestruturas viarias e se denominen “gastos” as partidas destinadas a educación e sanidade, a máis lúcida inversión que pode facer un goberno para garantir o futuro e a convivencia. E lémolo e escoitámolo sen pestanexar permitindo a perversión que significa.

O populismo foi capaz de facernos ver ao estranxeiro como inimigo e hoxe as persoas na procura de mellor vida, deshumanizadas, son contempladas como un problema económico cando son un problema de dignidade. Todo o espectro político desde a ultradereita á socialdemocracia asume este rol de cruel xendarmería, unha perversión da linguaxe que nos animaliza. Lemos sen noxo a noticia de que Europa dá 200 millóns a Mauritania para evitar que cheguen máis caiucos, monetarizando as persoas como mercancía. Unha vez máis a falta de reflexión solidaria preséntanos a chegada de menores como un perigo para a paz española!

Mundo ao revés é ese “España se rompe” que respondendo a un discurso teologal acuñou a unidade indivisible da Patria defendida sen reflexión por patriotas que se limitan a responder dunha herdanza ideolóxica emparentada con todas as inquisicións da historia. E “mundo ao revés” é tamén convidar aos mandatarios hispanoamericanos a conmemorar o Día de la Hispanidad que celebra o proxecto dos Reis Católicos de unidade e catolicismo que saqueou o continente americano borrando as culturas e crenzas autóctonas.

Non podemos alegar que se trata sinxelamente de palabras cando sabemos de sobra que a realidade non pode construírse sen palabras.

(Estas páxinas son debedoras da obra de Curtius, Yago Álvarez Barba, Ana Luengo e de Sebastiaan Faber).