Coma cada outono, chega o tempo de recoller as castañas. A Revista da Televisión de Galicia (TVG) desprazarase hoxe ata A Gudiña para analizar como vai esta campaña, que algúns cualifican de moi mala. O programa estará en directo apañando este froito. No segundo dos directos, o espazo da TVG desprazarase ata Porto do Son para coñecer a Tiago, un rapaz de 4 anos con atrofia muscular espiñal.

De volta no estudio, hoxe falarase do blockchain, unha gran base de datos que garantirá a seguridade e a protección de datos en transaccións económicas. Estarán con Loli Gómez José Nogueira e Antonio Comesaña, o presidente e vicepresidente, respectivamente, da Asociación Galega de Blockchain. Ademais, o experto en fitness do programa, Miguel Pereira, falará do seu subcampionato en culturismo natural.