A Televisión de Galicia (TVG) proponlles esta noite aos seus espectadores unha Volta a Galicia en 70 días cun percorrido gastronómico por toda a comunidade galega, cociñando nas prazas e nas rúas e ofrecendo unha ampla e variada selección das mellores receitas da nosa cociña.

A audiencia poderá gozar coas festas gastronómicas máis senlleiras, desde o pan de Cea (Ourense) ata o bonito da localidade lucense de Burela, pasando pola lagosta da Guarda, o percebe de Corme e a ameixa do Carril, entre outras propostas.

O programa deste martes na canle autonómica tamén coñecerá como se conseguen os produtos frescos de Galicia conversando cos propietarios de cetarias, mariscadores, pescadores, etc. e como se transforman nos pratos que se serven nos mellores restaurantes e bares de cada vila galega.