Cunha breve actuación de danza —Instante gradual, de Kirenia Danza—abriuse onte na Cidade da Cultura, no Gaiás, a entrega dos Premios da Cultura Galega. A xornalista Cristina García López foi a encargada de conducir o acto, para o que Soledad Penalta realizou o deseño dos galardóns. A obra Unha decisión profunda, simboliza as manifestacións culturais que xa están aquí e as que agardan por vir.

Como fío sonoro da gala, actuaron Laura Laontagne e o DJ PicoAmperio coas mans da tradición lírica galego-portuguesa e os sons electrónicos a entrelazarse, se ben tamén actuou a soprano Laura Alonso Padín, que pechou a gala co himno galego.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, foi o primeiro en ofrecer un discurso. Resaltou que estas distincións recoñecen o bo traballo feito no eido cultural, labor que ten unha “especial importancia” polo momento “complicado” no que nos atopamos por mor da pandemia que “cambiou o noso xeito de entender a vida e a nosa maneira de acceder á cultura”. Asemade, tamén tivo unha lembranza para a Xeración Nós, así como para Isaac Díaz Pardo polas efemérides.

Nas cadeiras, seguían as súas verbas os presidentes da Xunta, o Parlamento, o Consello da Cultura e diferentes persoeiros e representantes políticos. Nesta edición, a gala foi ofrecida nun acto nun espazo de acceso reducido para evitar aglomeracións.

A primeira premiada en recolle-lo galardón foi a escritora Ledicia Costas na modalidade de Letras. Saltou ao escenario improvisado para pronunciar un discurso curioso que comezou coas letras de catro dos seus fans, lectores de dez anos de idade, que lle escribiron unha carta na que a presentaban —como ela ben leu no Gaiás— como “unha guerreira que protexe en corpo e alma o galego. Ela defende a igualdade de xénero nos seus libros como sucede coa señorita Bubble”, ademáis de subliñar que “os seus libros son portais a un mundo de cor”.

Costas explicou que recibe cartas así a miúdo e que por misivas e sentimentos dese xeito escribe literatura infantil e xuvenil.

A autora aproveitou tamén para lamentar que os espazos que lle adican á literatura para os pequenos “son mínimos”, mentres as súas autoras son tratadas con “condescendencia, como se non fósemos escritoras completas”.

A continuación, Xosé González Pepiño recibiu o premio da Lingua como dinamizador do idioma galego coa creación do primeiro Servizo de Normalización Lingüística de Galicia, no Concello de Redondela, e a fundación de colectivos na defensa do idioma no sector económico, na xustiza ou na administración.

González lembrou que o seu labor consistiu en “mover os marcos que coutaban o noso país e a nosa cultura”, ao tempo que enfatizou que “protexer unha lingua require unha ampla visión”.

En Artes Escénicas, recolleu o premio Consuelo Pampillón xa que o galardón foi destinado á Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea), entidade que ela preside, que naceu hai vinte anos e que agora une a un milleiro de persoas por toda Galicia.

No eido audiovisual, a distinción recaeu en Chema Prado, exdirector da Filmoteca Española, mentres que na música acadouno a Central Folque (recollido polo seu director artístico, Ramón Pinheiro), un proxecto pedagóxico pioneiro para cubri-las ensinanzas regladas da música galega tradicional.

Tras estes premios, a gala continuou coa entrega do premio de Cultura Galega no Exterior a Ildiko Szijj, responsable do Centro de Estudos Galegos en Budapest onde promove cursos en galego e sobre cultura galega. Se ben non puido acudir a recoller a distinción, si enviou unha carta que leu a escritora Elba Pedrosa. No seu escrito, recoñeceu que era “unha honra” recibir a distinción, ao tempo que recoñecía que arelaba por volver “respirar o aire galego”, ademáis de agradecer ás amigas e amigos galegos a súa axuda.

Tras este discurso, a poeta Iolanda Castaño recitou uns versos apoiada mediante o audiovisual pola actriz lucense Benedicta Sánchez (Premio Goya), a produtora Cecilia Carballido; o artista Francisco Leiro; a música Xiana Lastra; o escritor Manel Loureiro; ou Encarna Lago da Rede Museística de Lugo; sen esquecer ao actor Juan Rodríguez ou á comisaria de arte Mónica Maneiro; ademáis do xerente de sala de concertos Suso Santamaría e o actor Touriñán, entre outros. A continuación, foi Xurxo Lobato quen se levou o premio de Artes Plásticas.

Nesta edición, a Fundación Penzol conseguiu o de Patrimonio Cultural, entregado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen llo entregou a Manuel Puga, presidente da entidade. Este último empezou por adicar as súas primeiras verbas a Fermín Penzol, quen en 1963 constituiu a Fundación co seu legado. Tamén destacou o compromiso da xente do Padroado así como as xentes que ocuparon cargos de responsabilidade como Francisco Fernández del Riego, Blanca Jiménez Alonso (viúva de Penzol) e Zulueta de Haz e Francisco Domínguez. Por último, agradeceu ao Concello de Vigo “o extraordinario apoio”que lles vén ofrecendo dende 1985; aos traballadores e voluntarios que colaboraron nestes anos.

Finalmente pechou o acto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen tamén lembrou á Xeración Nós. Asemade destacou que “Galicia é unha realidade construída dende a cultura” coa súa “entidade propia” con “heroes” da cultura que se ofrece como “refuxio”.