Luis Seoane, un home cun pé a cada lado do Atlántico

Bos Aires inaugura a mostra con pezas do artista nunca vistas en Arxentina

Debuxo nº 47 para 'Homenaje a la Torre de Hércules'

Debuxo nº 47 para 'Homenaje a la Torre de Hércules'

Como un Coloso de Rodas, a figura de Luis Seoane coloca un pé a cada lado do Atlántico. E esa alianza entre as dúas patrias do artista errante, Galicia e Arxentina, cobrou aínda máis forza onte coa inauguración dunha exposición inédita en Bos Aires. Por primeira vez, o público deste país americano pode ver case un centenar de pezas deste creador como exemplares gráficos da súa acción antifascista, cerámicas, tapas de discos... E un dos seus carteis máis representativos, o do Estatuto da Autonomía de 1936: onde un cefalópodo xigante apresa a un home, sobre o lema O Estatuto libertará a nosa terra. Momentos efímeros de liberdade antes da Guerra Civil.

Montaxe no Museo Larreta de Bos Aires.   | // CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Montaxe no Museo Larreta de Bos Aires. | // CONSELLO DA CULTURA GALEGA / patricia hermida

A mostra Materiais Seoane. Entre Galicia e Arxentina é resultado da colaboración entre o Consello da Cultura Galega e o Museo Larreta de Bos Aires, cos comisarios Pablo García Martínez e Silvia Dolinko. Nunha conversa con este diario, García Martínez indica que “desde o título xa se amosa a pluralidade material e técnica do artista, que colle solucións técnicas dun formato e as emprega noutro”. Para Seoane, “a materialidade é un espazo onde seguir buscando, e cando chega a un límite atopa a expansión noutros materiais”. Lóxicamente, os murais non poden entrar na sala pero si que se invita a facer unha ruta polos existentes en Bos Aires. Entre as pezas no Larreta hai “cerámica, tapices, gravados, esculturas de aceiro, cartaces, óleos”.

Cartel para o Estatuto da Autonomía de 1936

Cartel para o Estatuto da Autonomía de 1936 / Colección da Fundación Luis Seoane

Segundo recalcan desde o Consello da Cultura, cunha presidenta Rosario Álvarez que acudiu á inauguración, Luis Seoane (Bos Aires, 1910- A Coruña, 1979) “naceu coa marca gravada da emigración, impresa polos seus pais que se asentaron na capital de Arxentina”. Décadas máis tarde “engadiu a do exilio, que o levou de Galicia á súa cidade natal, reconvertida nunha da capitais da arte contemporánea”. O Seoane viaxeiro derivou así nun Seoane experimental, pero sempre con sentido social e recordos dunha Galicia represaliada.

O sentido da exposición aséntase “no diálogo entre obras que nunca se viron alí e outras pezas que repousaban en Arxentina para que nos axuden a ter o relato completo da esencia do artista: pluralidade, materialidade e experimentación principalmente”, segundo Rosario Álvarez. Con ela estiveron a directora xeral de Patrimonio, Museos y Casco histórico da Ciudad Autónoma de Buenos Aires (CABA), Martina Magaldi; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; e a directora do museo Larreta, Delfina Helguera. A mostra estará aberta ata o 27 de novembro nese Museo de Arte Español Enrique Larreta, e ata agora estivo adiada pola pandemia.

Segundo Martina Magaldi, a exposición “subliña o contacto cultural entre Galicia e Arxentina cun gran artista que abordou múltiples soportes e disciplinas, nos dous países”.

Tres bloques con 90 obras

Segundo a comisaria arxentina Silvia Dolinko, foi “un gran desafío propoñer un recorte na vasta produción de Seoane, coa selección comprendemos o seu compromiso intelectual, a súa vontade democratizadora da arte”.

As 90 obras chegan de institucións galegas (como a Fundación Luis Seoane, Fundación Penzol) e arxentinas (Museo Nacional de Bellas Artes, Museo de la Emigración gallega entre outras). E divídense en tres bloques. O expresionismo ácedo amosa Trece estampas de la traición (1937) e outras pezas antifascistas, ademais de ilustracións de libros como Homenaje a la Torre de Hércules (1944). Con Imaxes modernas hai carteis e pinturas dos anos 50. E Obra múltiple indaga nas “relacións entre imaxe, forma, técnica e materia”. A maiores, o CCG aporta na súa web máis contidos como unha edición facsimilar de Fardel de Eisilado ou 3.000 cartas de Seoane.

Suscríbete para seguir leyendo