La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Xacarandaina, monumento á identidade

Os Premios da Cultura Galega recoñecen á formación tradicional na categoría de Patrimonio Cultural pola súa inxente actividade musical, divulgativa e formativa

Integrantes de Xacarandaina que participaron no festival Les Cultures du Monde, en Francia. | // LOC

Dende os seus inicios no local social de La Terraza de Méndez Núñez ata os máis de 600 integrantes que a compoñen hoxe, pasaron 40 anos e moitas cousas. A Asociación Cultural Xacarandaina é un proxecto colectivo, construido día tras día por todos os que traballan nela e para ela. Esta semana a entidade foi recoñecida nos Premios da Cultura Galega na categoría de Patrimonio Cultural. Non é o primeiro galardón que a entidade recibe pola súa labor, pois conta cun palmarés composto por recoñecementos nacionais e internacionais; mais si un dos poucos que a valora como algo máis ca un proxecto musical.

“Emociónanos moito que o premio sexa na categoría de Patrimonio Cultural, porque iso significa que non só valoran o musical, senón todo o conxunto. Ponse o folclore, que sempre foi a hermanita pobre, ao nivel doutras artes. Recoñécese o seu peso na identidade”, sinala o director do grupo de baile da asociación, Quique Peón.

Xacarandaina é, sobre todo, unha escola, máis tamén un repositorio para a transmisión das disciplinas tradicionais de xeración en xeración: aulas de baile tradicional, gaita, pandeireta e canto, acordeón, percusión, clarinete, pero tamén debuxo, pastel, óleo, acuarela. Todo cabe para ampliar, transformar e estudar o acervo cultural galego, que coidaron durante anos a través da recollida e recuperación das músicas, bailes e cantes tradicionais das aldeas.

“Penso que fixemos a nosa parte na maneira de ver o folclore en Galicia, mesmo a nivel europeo e español. Fíxose un traballo de campo moi importante, poñendo en valor as tradicións máis puras, sendo conservacionistas, gardando un equilibrio escénico sen pasarse de rosca. Poñendo o enxebre, o etnográfico e o tradicional no centro”, defende Quique Peón, que traslada a emoción do grupo polo recoñecemento acadado. “Hai moito traballo detrás, pero isto é un alento grande para seguir”, recoñece, en referencia ao premio da cultura galega.

Razóns para seguir, asegura Peón, non lles faltan. Lonxe de diminuír o seu impacto cultural, a agrupación cultural aumenta, ano a ano, o volume dos seus alumnos e socios, tanto nenos, acreditando o futuro das disciplinas tradicionais, como as cada vez máis persoas adultas que demostran que nunca é tarde para achegarse a identidade cultural propia.

Ademais da agrupación coruñesa, a Consellería de Cultura recoñeceu na convocatoria deste ano á actriz Melania Cruz (artes escénicas), ao comunicador Xosé Ramón Gayoso (audiovisual), ao proxecto ConCiencia (proxección exterior), o académico Manuel González (lingua), á historiadora da arte María Victoria Carballo-Calero (artes visuais), á escritora Marica Campo (letras) e aos cursos universitarios Internacionales Música en Compostela (música).

Compartir el artículo

stats