La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Ksado, un mito para Galicia no confín dos tempos

O fotógrafo, enterrado en Boisaca en 1972, retratou un país de leiteiras pola rúa e pazos durmintes antes da batalla

O profesor Xosé Mosquera Pérez ou 'O Vello dos Contos'. | // KSADO / CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Lenda ou realidade? Contaba o xornalista Jesús Rey Alvite (1878-1941) que a primeira imaxe tirada por un Luis Ksado aínda neno tivo como protagonista ao propio Alfonso XIII. Sacouna aos 12 anos ao pé das Burgas, en Ourense. E o propio monarca (que case era tan novo como el e que non asumiría oficialmente a Xefatura do Estado ata 1902) pediríalle unha copia que devolvería asinada, o que facilitaría a posterior entrada de Ksado no 'ABC'. A anécdota aparece recollida polo Consello da Cultura Galega, que introduce esta semana ao fotógrafo no seu Álbum de Galicia. Pero sobre todo amosa o carácter mítico dun retratista de leiteiras pola rúa e pazos durmintes... xusto antes da Guerra Civil.

Pazo da Oca, retratado por Ksado. | // KSADO / CONSELLO CULTURA GALEGA

Nacido en Ávila en 1891 segundo os seus pais (en 1887 segundo o Rexistro Civil da súa cidade natal) e enterrado en Boisaca en 1972, chegou a Ourense de pequeno e iniciouse como aprendiz no taller de José Pacheco (onde traballaba cando tivo o encontro co rei). Segundo o fotógrafo Vítor Vaqueiro, autor da súa entrada no Álbum de Galicia, foi “un dos grandes profesionais do seu tempo e, con toda seguranza, quen con maior afán dedicara a súa vida a fotografar o país que decidira adoptar como o seu”.

Homenaxe ao 'Vello dos Contos' en 1933. | // KSADO / CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Ante a súa lente pasaron as seguintes personaxes: o cardeal Martín de Herrera vestido de pontifical para despois ser esculpido na súa propia lápida da catedral de Santiago, o profesor Xosé Mosquera Pérez caracterizado como O Vello dos Contos para Unión Radio Galicia tres anos antes de facer campaña para o Estatuto de Autonomía do 36... Ou a muller inmortalizada coa súa filla en Naiciña.

Recalca Vítor Vaqueiro que a súa capacidade de traballo vaise “proxectando en obras que definen un país e balizan a historia da fotografía galega”. Así aparecen estampas dun mundo xa extinguido como o Pazo de Xelmírez con destino a un álbum de agasallo para a infanta Isabel de Borbón, ou a peregrinación xacobea do Ano Santo de 1920.

Colaboraría en numerosos xornais e revistas como El Pueblo Gallego, Faro de Vigo, La Temporada de Mondariz ou ABC. A Guerra Civil suporía certo parón na súa actividade e o peche do seu estudo en Vigo, para centrarse no de Santiago. Pero retomaría a traxectoria con traballos tamén en guías como a de Santiago de Compostela feita por Otero Pedrayo en 1945, Galicia, guía espiritual de una tierra de 1960, ou os folletos Ángeles de Compostela (1940) e Las catedrales gallegas (1950).

A lenda continúa ata tal punto que en agosto de 1962 Luis Ksado aseguraba ter un millón e medio de fotografías. En decembro, redondeaba a un millón. Sempre entre a lenda e a realidade, ao igual que Galicia.

Compartir el artículo

stats