‘Xente Marabillosa’ aborda na TVG o suicidio desde unha perspectiva de superación

O programa, que se emitirá esta noite ás 22.40 horas, contará co testemuño da cantante sevillana Tamara | O espazo xa prepara novas temáticas como o abandono dos maiores

A cantante Tamara, no plató do programa ‘Xente Marabillosa’. |   // TVG.

A cantante Tamara, no plató do programa ‘Xente Marabillosa’. | // TVG. / REDACCIÓN

REDACCIÓN

Xente Marabillosa leva á Televisión de Galicia esta noite (22.40 horas) un tema cuxa visibilización require o máximo respecto e rigor: o suicidio. A primeira causa externa de morte no país, con Galicia liderando os primeiros postos a nivel nacional en canto ao número de casos e cos mozos e as persoas maiores como grupos de idade de especial risco.

A presentadora Lucía Rodríguez contará coa cantante sevillana Tamara como madriña e testemuña do espazo, quen lembrará no estudio de Xente Marabillosa unha etapa difícil da súa vida na que unha forte depresión levouna a realizar dous intentos de suicidio. Un relato valente e honesto que, ademais, servirá como introdución a dúas das cámaras ocultas máis impresionantes da historia do programa.

Nelas, a través do comportamento e accións dunha nena, así como da falta de comprensión por parte da súa nai, móstranse algúns dos sinais máis comúns que denotan a existencia dun problema emocional grave e que pode levar a un intento de suicidio. Algo que será detectado por dúas persoas incribles, comprensivas e comprometidas que serán convidadas o estudo de Xente Marabillosa.

O lado bo da sociedade

Xente Marabillosa mostra na televisión galega o lado bo da sociedade e premia a xente que actúa de maneira excepcional ante unha situación inxusta ou discriminatoria. A valentía que demostra o programa á hora de afrontar determinados temas sociais combínase sempre co respecto e a empatía que requiren estas situacións, de maneira que o programa aborda as cuestións cun enfoque positivo e con exemplos de superación.

Un tratamento que o levou a recibir o galardón ao mellor programa autonómico de entretemento que outorga a Academia de Televisión e das Ciencias e Artes do Audiovisual de España e a obter, semana a semana, o total apoio do público galego ata converterse no programa máis querido no horario de máxima audiencia da noite dos mércores.

O compromiso coa empatía e a solidariedade leva a Xente Marabillosa a emitir as próximas semanas temáticas como os conflitos polas lindes, unha realidade bastante habitual na Galicia máis rural, ou a crecente extranxeirofobia, o rexeitamento ás persoas estranxeiras que viven no mesmo territorio e que tivo no famoso crime de Santoalla a súa expresión máis coñecida.

Pero o programa xa traballa en novas causas sociais que visibilizar, como o abandono de persoas anciáns, os menores que exercen a violencia intrafamiliar ou a ludopatía. O sexo na terceira idade ou os riscos laborais son outras das causas que se emitirán proximamente en Xente Marabillosa.