POLÍTICA LINGÜÍSTICA

'O galego campa!' como estímulo do idioma entre a mocidade nos campamentos de verán creados pola Xunta

Máis de 9.000 rapaces, un 6% máis que en 2015, disfrutarán de actividades en 17 campamentos

10.07.2016 | 01:38
Valentín García (3º pola esquerda), con monitores do campamento boirense de Espiñeira.

Bota a andar unha nova edición do programa de dinamización lingüística O galego campa! da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado cos obxectivos de favorecer o desenvolvemento da actividade en galego no contexto dos campamentos de verán da Xunta de Galicia e mais de facilitarlle formación e recursos ao monitorado para a realización de actividades que animen os rapaces e rapazas a se expresar nesta lingua.

Así o anunciaron o pasado venres o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, na presentación das novas propostas de O galego campa!, que fixeron coincidir cunha visita conxunta ao campamento boirense de Espiñeira no que se desenvolveu unha sesión das novas dinámicas coa participación de cen rapaces e rapazas de entre once e doce anos.

"As actividades de O galego campa! chegarán entre xullo e agosto aos campamentos a través de sete dinámicas diferentes coas que se acaba de enriquecer o Repositorio dixital do tempo libre en galego para seguir dinamizando a lingua na xente nova e no tempo libre", explicou García Gómez, quen aproveitou a ocasión para animar o monitorado a empregar o galego na súa actividade profesional e á rapazada "a iniciar e manter en galego as novas amizades que agroman durante estes días de convivencia e de lecer", recordando tamén "que a promoción do uso do idioma entre a xente nova é un compromiso do Goberno galego, que xa traballa no deseño do primeiro Plan de dinamización da lingua galega na mocidade".

Pola súa banda, Cecilia Vázquez recordou que nesta campaña de verán, participarán 9046 mozos e mozas, un 6 % máis que o ano anterior e que as actividades están dirixidas a rapazada de entre 9 e 30 anos, divididas en propostas específicas para os distintos grupos de idade. O departamento autonómico inviste 2, 6 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que favorecen a contratación dunhas 900 persoas entre monitorado e persoal de dirección de tempo libre. Na programación inclúense campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas, o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís, as actividades para maiores de 18 anos, campos de traballo en España e no estranxeiro e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

Dezasete campamentos de verán da Xunta acollerán as novas dinámicas con que se acaba de enriquecer o Repositorio dixital do tempo libre en galego, accesible de balde desde o Portal da Lingua Galega, da man da empresa O Falcón Branco. Trátase de adaptacións de propostas dos programas de mocidade e inclusión social do Consello de Europa e do centro de recursos SALTO da Comisión Europea.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

 

El periódico continuará ofreciendo, día a día, segundo a segundo a través de su web, el aire fresco que introdujo en 2000 en el panorama informativo coruñés

 

Enlaces recomendados: Premios Cine