-Como recuperou a historia de Culleredo?

-A través de moitos campos de traballo concretos. Un deles, a recuperación do patrimonio monumental, coa restauración da Torre de Celas, da ponte do Burgo, dos muíños de Acea de Ama e dalgúns pazos. A colaboración tamén nalgúns casos coa Igrexa na restauración dalgunha igrexa.

-Tocoulle tamén poñer por escrito o que descubría?

-Si, preparar toda unha serie de traballos, publicacións sobre a historia e sobre os monumentos, que ademais se complementan con visitas guiadas de centros escolares. - tamén propoño nomes para rúas, relacionados coa historia de cada parroquia. Iso é moi gratificante; son nomes que se perderon na marea da historia e, cando llos pos a unha rúa, estás recuperando toda unha historia desaparecida.

-Cal foi o nome de rúa que máis ilusión lle fixo poñer?

-Hai moitos, pero creo que o que máis, o de Amparo López Geán. Era unha figura distinta. Primeiro, era unha muller.

-Quen foi esa muller?

-Foi unha mestra, dirixente republicana. Naceu en 1986 e morreu en Francia, no exilio, en 1942. Unha figura moi curiosa por varias razóns. O seu marido, César Albajar Diéguez, que foi o tío avó de César Antonio Molina, foi un xornalista moi importante. Ela leváballe sete anos a el. Conviviron sen casar un montón de anos, tiveron todos os fillos sen casar e sen bautizar; imaxínate o que era nunha cidade coma A Coruña iso. Amparo, unha muller bastante avanzada, foi a primeira muller en Galicia que se afiliou ao Partido Galeguista e foi presidenta da Agrupación Republicana Femenina da Coruña. Durante a guerra estivo en Madrid, Valencia e Bacelona. Ela e o seu home foron por separado a Francia e ela morreu no sur de Francia de saudade. Os fillos dela tamén foron todos relevantes.

-Que destacaría das distintas etapas históricas en Culleredo?

-É un dos concellos de toda Galicia no que hai máis monumentos megalíticos, aínda que a inmensa maioría, arrasados. Había todo un complexo de mámoas dende a Zapataeira por Orro ata o monte Xalo. Debía de haber unhas trinta e tantas mámoas, o que xa nos indica que hai 6.000 anos xa andaba xente pululando por territorios de Culleredo. Da época castrexa, en todas as parroquias de Culleredo menos Ledoño e Sueiro hai castros. Incluso apareceran inscripcións referidas á deusa Navia. - hai inscripcións romanas.

-E a ponte é romana, non?

-A ponte actual non ten nada da época romana. Crese que sí, que por aí pasaba unha vía romana e á entrada hai monolitos conmemorativos de diversos episodios que pasaron alí, e un é da vía XX. É importante na historia de Culleredo o nacemento do Burgo e de Faro. No século XII O Burgo era un dos núcleos urbanos máis importantes de toda Galicia. Chegaban barcos de rutas comerciais que viñan de Francia. - o famoso Camiño Inglés empezaba aquí, porque os barcos traían os peregrinos ao Burgo.

-Influiu a situación, entón?

-O Burgo tiña unha posición estratéxica. Tamén Vilaboa, por onde pasaba o Camiño Real. Despois, a partir do século XIII A Coruña empeza a tirar para arriba e O Burgo empeza un pouco o seu declive. Tamén temos fronte á ría (O Temple) aos cabaleiros templarios, que tiñan aquí a casa principal, non só de toda Galicia, senon de todos os reinos do occidente da península.

-Que tiñan no Temple?

-Había un Castelo, do cal non se conserva nada, pero sábese por escritos de cando desaparecen, de principios do século XIV. Eu teño compilados cerca de cen documentos dos séculos XII e XIII do Burgo. Hai cartas dirixidas a Napoleón datadas no Burgo. Alí vivíronse episodios históricos como a invasión inglesa da Coruña, cando ven Drake: hai unha escaramuza seria xusto na ponte do Burgo e consérvanse algunas cartas de Andrade.

-E na historia máis recente?

-Na época moderna, ata finais do século XVIII, Culleredo está moi vinculado á historia da Coruña. Había señores coruñeses que tiñan propiedades en Culleredo, vanse construindo os pazos. Xa na entrada do século XX, en 1836 nace o concello de Culleredo, que nun principio se chamaba distrito de Alvedro, e aí empeza a historia contemporánea. Na década de 1860 se lle cambia o nome. No século XIX parte da aristocracia coruñesa constrúe en Culleredo as súas casas de recreo, como Villa Melania.

-Qué investigación lle gustaría poder levar a cabo?

-Excavar algún dos castros, que non hai ningún excavado.

-E teñen boa pinta?

-Claro. Hainos en todas as parroquias menos en Ledoño e Sueiro, e algún está intacto. Pero é moi difícil conseguir financiación. Hai cinco mil castros en Galicia e fixéronse excavacións nuns cen. O de San Cosme, o de Vinseira Grande, o de Almeiras... calquera deles, pero excavar un e que se poda visitar.

-Que feito recente considera digno de pasar á historia, polo menos a nivel comarcal?

-O nacemento do Consorcio As Mariñas co alcalde de Culleredo de presidente durante moitos anos.