Debutou con doce anos nunha finca cerrada con arame cerca do Concello de Abegondo, nun concerto no que cobrou doce pesetas e no que o reputado batería Caramés tocou como invitado e lle rompeu o parche da caixa. Lémbrao como se fora onte. Aínda que, segundo el mesmo, non tiña "ningunha cualidade" máis que algo de oído e moito tesón, Luis Rodríguez Presedo Fixoi entrou uns anos máis tarde como baterista titular da orquestra más reputada do momento en toda Galicia e que despuntaba fóra, Los Satélites, onde seguiu até convertirse no baterista máis lonxevo nesa formación (1964-1992). Hoxe, "como o bicho da música segue vivo sempre, porque a música é unha droga", Fixoi da sesións de iniciación á música no centro cívico de Limiñón.

O home que agora dirixe cancións a unha soa voz acompañadas por güiros feitos de tubería tocou durante décadas no teito da música de Galicia. "Cando fun eu, o máximo ao que aspiraba un músico era a entrar nos Satélites", lembra o baterista, que levou sempre o nome da primeria agrupación coa que tocou, a Orquesta Fixoi, de Abegondo. "Os músicos da Coruña pensaban que era un apelido", explica Rodríguez, de Meangos. A ese alcume sumóuselle anos despois o de Crazy Horse (cabalo tolo), que lle puxo o trompetista Willy Marambio por unha entrada dura nunha pachanga, conta. Asegura, humilde, que "era o máis aldeano" da orquestra, sen case formación, pero que estudiou até poñerse "á altura".

Aficionado ao jazz, a salsa e a música clásica, lembra as dificultades que existían para os músicos na súa mocidade en España, "cunha ditadura acérrima que non deixaba entrar música de fóra" e onde "non había qué escoitar nin con quen estudiar".

Antes de entrar nos Satélites, pasou unha tempada en Venezuela, onde tocou en grupos como a Orquesta Rumbo e viviu episodios que o marcaron, como un concerto da big band de Count Basie no teatro Sabana Grande de Caracas. Tamén en Venezuela recibiu un consello que resultaría clave. "Un batería mexicano moi bo ao que fora ver a un concerto veume ver despois a min e ao rematar díxome: 'Tocas moi ben, pero tes que escoitar máis música. Compra un disco de Art Blakey e escóitao até que se raie, aínda que ao principio non che guste'. E así foi, ao principio non me gustaba, pero escoiteino máis e ao final encantoume", relata Fixoi.

Cos Satélites, recorreu escenarios de España, Francia, Portugal, Arxentina ou Inglaterra. "E en Suiza non quedou un pobo sin ir a tocar. Fumos unhas 50 veces", lembra. Con esta orquestra viviu dende época de esplendor coa dirección artística de José Ramón Sierra ata os arranxos "máis sofisticados" e recén chegados dos EEUU da man de Roberto Camaleón Rodríguez. Nos anos 90, Fixoi e o saxofonista Isaías Blanco Viloria -"un dos mellores músicos de Galicia- decidiron deixar Os Satélites e fundaron a orquestra Fania, onde o abegondés se xubilou.

Agora, decidido a manterse "activo" ensina cancións en percusión básica a veciños de Abegondo e Carral. "Non importa que non se sepa cantar. É un pasatempo arredor da música", explica. E a técnico de Cultura, Mar Carro, incide, agradecida, que a actividade ten "un componente humano máis importante que o musical". "Fai feliz a quen vai. É moi xeneroso", asegura.