O mito que une Galicia e Irlanda volverase cantar con voces e linguas do século XXI. A veciña de Perillo Belén Tajes, que traballa coa música dende hai dez anos, buscará adentrarse na cultura e a tradición musical irlandesas e tender novas pontes con Galicia a través de cancións, co Gran Sol no punto de mira. O proxecto da oleirense foi seleccionado pola Diputación para unha residencia artística dentro do programa Tosta Cultural Cargo, de intercambio lingüístico e cultural entre nacións con linguas minorizadas que forma parte da programación de Donostia Capital Cultural.

Titulado As novas cancións de Amergin, o proxecto da oleirense toma como referencia a lenda da canción de Amergin, recollida no Lebor Gabala Erenn, o libro das invasións de Irlanda. "Amergin, un druida da tribo dos milesios, chegou con outros guerreiros a Irlanda procedentes do noroeste da península (Galicia)" para vingar a morte de Ith, fillo de Breogán. "Ao pisar terra, o druida Amergin entoou un himno que fixo deter todas as tempestades que atoparon na súa arribada. Velaí o grande poder da música", describe Tajes, que pretende "actualizar a lenda primixenia e construir un cancioneiro, desde un punto de vista diferente". O proxecto busca tamén contribuir ao mantemento de dúas linguas minorizadas, o galego e o gaélico, e fomentar as culturas, en especial, entre os mais novos.

Para actualizar o mito que relaciona Galicia e Irlanda, a músico recopilará cancións tradicionais en gaélico, con vistas a editalas e expoñelas, e creará, ademais, "un novo himno". A músico contará con escolares irlandeses para a elaborar unha melodía na que se empreguen tanto o gaélico como o galego.

Na súa busca de músicas tradicionais gaélicas, Tajes apuntará sobre todo a aquelas cancións inspiradas polo mar, vencello dos dous pobos presentes no proxecto, plasmado no caladoiro do Gran Sol. Por iso, a primeira parte do proxecto, consistente na recolleita etnomusical, realizarase na costa suroeste de Irlanda, entre Galway e Bantry, "porque son as principais cidades de acollida dos barcos galegos do Gran Sol", explica a músico, e engade que "nestes portos, especialmente en Bantry, houbo unha época de gran convivencia entre galegos e irlandeses", como recolle o libro The Second Spanish Armada, cita Tajes. A recolleita incluirá fotografías dos "informantes" que canten as cancións rexistradas.

O proxecto de Tajes inclúe tamén unha "viaxe musical de volta a Galicia". Recollerá melodías tradicionais nos principais portos de saída do Gran Sol, como A Coruña, Burela e Marín, para crear "un corredor de ida e volta, a través do mar, entre Galicia e Irlanda".