Tres autobuses aparcan preto das Torres de Santa Cruz e baixan uns 150 rapaces, alumnos de primeiro do instituto Miraflores de Oleiros e do Luis Seoane de Canide. Comezou así o Roteiro Cultural, unha brillante iniciativa que chega á súa cuarta edición e que organiza a rede de bibliotecas públicas, o propio instituto e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello. Estudiantes do Miraflores fan de guías e paran nos lugares do municipio onde naceron ou viviron importantes persoeiros.

Cada ano contan a historia de tres deles. Onte tocoulle ao pintor Francisco Lloréns, o trovador medieval Lopo de Liáns e o matemático José Barral Souto. A profesora Susana López dirixe este proxecto que coordina Rosa García Vilariño, outra profesora que xa se xubilou pero que segue participando nesta ruta "como voluntaria cultural". Tamén soe participar o alcalde nesta ruta, ao coñecer historias e vivendas de persoeiros, aínda que onte non puido ir ao coincidirlle cun acto oficial en Bastiagueiro. Quen acode todos os anos cos rapaces é a concelleira de Cultura, Esther Garrido; e a técnica de Normalización Lingüística, Lucía Filloy.

O roteiro comezou cunha introducción sobre Lloréns nas Torres, cunha explicación de tres alumnos e do pintor local Ricardo Rilo. Na localidade meracha os rapaces viron a casa número 42 da rúa Cividanes onde veraneou Lloréns.

"Os rapaces traballan moito durante todo o curso. Elaboran os textos sobre cada persoeiro e logo os profesores revísanos. O obxectivo é dar a coñer as persoas ilustres que viviron en Oleiros, mellorar o coñecemento do patrimonio do municipio e promover a cultura e a lectura", destacou Mari Luz Corral, directora da rede de bibliotecas municipais e alma máter desta iniciativa.

"Oleiros coñécese moito polas praias, cando aquí hai unha grande cantidade de escritores, pintores, que non se coñecen. Pedin axuda a Normalización Lingüística e ao instituto e así xurdiu", conta Corral.

Moitos cadros de Lloréns retratan paisaxes de Oleiros coma O piñeiro de Montrove ou Praia de Bastiagueiro. Tamén se inspirou en pescadores de Mera para pintar o pavillón Galicia na exposición iberoamericana en Sevilla en 1929.

Os autobuses saíron cara o parque de Liáns, onda a igrexa de Santaia, para lembrar a figura de Lopo de Liáns, trobador de cantigas de escarnio e maldizer no século XIII, do que de novo en 2011 xurdiron dúbidas sobre a súa orixe. Tamén visitaron o xardín do pazo de Lóngora que foi pintado por Lloréns, que tiña amizade cos donos, Marcial de Adalid e Francisca González.

O roteiro trasladouse despois, logo dun tentempé, á praza da Rabadeira, onde naceu José Barral Souto, un oleirense que emigrou a Bos Aires en 191 e alí se convertiu nun gran matemático e economista, preto de acadar o premio Nobel. A ruta rematou cunha sesión de maxia relacionada coas matemáticas a cargo do Mago Martín Patiña.