Ao entrar no local a nosa ollada foi cara as decorativas columnas e os numerosos botes de cerámica, un conxunto que traslada unha impresión de harmonía e dun pasado tratado con respecto. As columnas de madeira nobre están perfectamente vernizadas e son de estilo neoclásico, nomeadamente imitan a orde xónica, e nelas salientan o dourado das basas e dos capiteis. Un mostrador central e dúas mesas interiores, todos cubertos por mármore branco, completan os principais elementos deste espazo inicial. Dúas pezas rescatadas do leñeiro constitúen unha "parella de feito": a ciclópea frasca de cristal en forma de pera, pecha e sellada con tapa labrada, que alberga un líquido de azul intenso (azul de metileno?) e, nunha esquina, pouco visible, un grande morteiro de bronce que amosa a súa antigüidade na pegada que deixou o mazo machacando o seu fondo innumerábeis veces. A antiga "libreta de especialidades", colocada sobre unha das mesas, resulta menos vistosa malia foi fundamental na actividade desenvolta no local, nela anotábase cada produto que se incorporaba e a súa ubicación, e actúa como testemuña dun labor profesional de longo percorrido. Estamos na Farmacia Couceiro de Betanzos, a botica en funcionamento máis antiga de Galicia.

Unha farmacia con moito pasado

Esta oficina de farmacia mantén actividade inenterrompida desde hai uns trescentos anos, todo ese tempo rexida pola mesma familia e localizada nese lugar. Porque, segundo documentación conservada no Arquivo Municipal de Betanzos, a botica xa operaba en 1719, como indicaron Xosé María Veiga e Carlos Fernández nun valioso traballo publicado no Anuario Brigantino en 1990.

O local orixinario aumentou coa instalación en 1831 dunha fábrica de cremor (sal de potasio que se emprega como mordente en tinturaría e como purgante en medicina), a principios do século XX incorporou un laboratorio para a elaboración e venda de específicos e ampliou a zona de despacho. Nos tres séculos de actividade diversos profesionais estiveron á fronte da instalación, primeiro boticarios, unha profesión de carácter gremial regulada desde 1588 ata 1800 polo denominado Protomedicato, e, desde o século XIX, farmacéuticos.

A formación dos profesionais pasou, a raíz da Real Orde de 18 de xaneiro de 1804, aos colexios de Farmacia. O Colexio de Santiago de Compostela iniciou a súa actividade en 1815 e existiu como tal ata 1821. A integración dos estudos de Farmacia no ámbito universitario non se produciu ata a Lei Moyano de educación de 1857, ano en que se creou a Facultade no seo da Universidade de Santiago, e a promoción inicial de licenciados rematou en 1862. Fermín Couceiro Edreira, graduado en 1865, foi o primeiro licenciado que rexeu o establecemento betanceiro, Fermín Couceiro Serrano o farmacéutico titular na segunda parte do século XIX e inicios do XX e Jesús Couceiro Núñez desde 1925 ata a súa xubilación.

Unha visita en abril

O 6 do pasado mes de abril acudín a visitar a Farmacia Couceiro acompañado de Lis de la Iglesia Caruncho, farmacéutica con longa e densa experiencia profesional, que me axudou na elaboración deste episodio. Desde a praza principal da cidade, a que desde 1920 leva o nome dos filántropos irmáns García Naveira, subimos pola rúa do Castro, lembranza do vello castro que coroaba o lugar, e collimos, á dereita, pola dos Prateiros, na que se sitúa a farmacia no número 8, onde fumos recibidos pola actual titular, María Sánchez Martínez, quen actuou como amable anfitrioa.

Na visita coñécemos da historia e actividade da farmacia e tamén falamos dela como espazo para a atención sanitaria con vocación de servizo público. Porque as boticas constituíron tradicionalmente unha contorna próxima e familar para moitos dos seus usuarios, que dialogan cos profesionais e reciben información sobre a saúde. Polo tanto, as farmacia veñen desenvolvendo un pouco valorado papel como salientables ámbitos de comunicación e difusión de ciencia aplicada, a que incide directamente en aspectos básicos da vida cotián, a saúde e o benestar.

Suxestión dun mundo de fantasía

Os variados obxectos e produtos que nos rodearon, frascos, redomas, albarelos, fármacos, instrumentos e substancias procedentes de distintas épocas, todo un mundo de cores e formas, conducíronos por nunha especie de túnel do tempo que estimulou a nosa imaxinación e trasladounos ás boticas fantásticas que, por exemplo, tratou Alvaro Cunqueiro naquel fermoso libro Tertulia de boticas prodigiosas. Nel o fillo de farmacéutico no seu Mondoñedo natal falounos da botica do bispo compostelán Diego Peláez, ou da do doutor Laurentius, que receitaba auga de determinados tramos de ríos de Inglaterra, Gales e Escocia, segundo lle parecía axeitado para a cura do proceso melancólico que sufría o afectado. Mesmo a botica de Hama en Siria, onde inventaron o de curar enfermidades columpiando ao doente. Cunqueiro comenta que alí viviu unha inglesa, lady Stanhope, amante do xeneral inglés John Moore soterrado na Coruña, si, aquela cuxa fantasma achegase ás veces ao xardín de San Carlos; esta lady usou a randeeira para evitar o mareo de barco.

A rebotica, un lugar de traballo, e de faladoiro

O despacho de farmacia, lugar ao que acceden os clientes, constitúe unha pequena parte do establecemento, formado por numerosos e diversos espazos, a rebotica, que se inicia cun local adxunto, inmediato ao despacho, un espazo de traballo interno, no que o protagonismo dos elementos decorativos da entrada deixan paso a instrumentos e produtos de uso frecuente, un lugar dedicado, secularmente, á preparación dos medicamentos solicitados, e, tamén, zona de descanso e, mesmo, de faladoiro. Neste local ollamos albarelos cunha longa historia, recipientes cilíndricos de cerámica de cor branca de fondo (de aí o seu nome, derivado de albar) empregados para gardar preparacións sólidas ou viscosas, cunha boca ancha que permite o acceso da man. Entre os máis antigos que tiveron uso na botica observamos un que posúe asas e que manifesta no seu exterior o efecto sobre a cerámica do produto almacenado, do que aínda hai restos, pomada para sarna das vacas.

Lis preguntou por un pequeno dispositivo de bronce que semella un simple obxecto curioso, "a cola de gato", e María fíxonos unha demostración do seu uso como moldeador de corchos para adaptalos á boca dos frascos. Tamén reparamos nun pequeno armario de madeira, unha iogureira do século XIX, cando os iogures eran produtos sanitarios. María abriuna e observamos como dentro se manteñen intactos seis frascos de cristal azul escuro, os orixinais nos que se facían os iogures.

Houbo un tempo, polo menos nos anos sesenta do pasado século, no que a rebotica foi un espazo para os faladoiros de homes, mentres as mulleres, en correspondencia cos costumes machistas do momento, ficaban aparte, no primeiro andar, e xogaban ás cartas, ao "xulepe". Ao faladoiro asistiu de José Fariña Martínez, un médico coruñés que exerceu a súa profesión en Betanzos desde 1945, tamén acudíu, entre outros, o médico Pedro Lavandeira e Benito Cordero, tío avó do político Antolín Sánchez Presedo.

Laboratorios Huel e as fórmulas maxistrais

En 1921 rexistrouse no Ministerio de Gobernación un pequeno laboratorio anexo á farmacia, de nome Huel, que fabricaba "específicos" de libre dispensación destinados a calmar síntomas xerais, unha iniciativa desenvolta polo farmacéutico Jesús Couceiro Núñez que partía do labor realizado polo seu pai, Fermín Couceiro Serrano.

Un dos produtos de máis éxito foi a coñecida como "pomada de fuego", un medicamento elaborado por Fermín Couceiro para uso veterinario. Anunciábao como "revulsivo y resolutivo para la veterinaria", engadindo que "sustituye al hierro candente, no destruye el pelo, ni deja marca en la piel", e que era "especial en las cojeras, infartos y tumores del ganado vacuno, mular y caballar"; publicou un folleto para difundir as súas vantaxes, premios recibidos e loubanzas dos veterinarios.

Hoxe en día, nunha parte da enorme rebotica funciona un Laboratorio, no que traballa a farmacéutica Paz López Pita, entusiasta profesional que elabora as fórmulas maxistrais. As preparacións máis frecuentes son as relacionadas coa dermatoloxía, algún xarope e produtos de veterinaria. A Paz gústalle esta especie de "farmacia personalizada", polo que supón, entre outras cousas, de diálogo co cliente.

Viruca, corredora de fondo

A auxiliar Viruca Martínez Couceiro, con 72 anos, leva toda vida traballando na farmacia, "desde que nací". O tamaño do local é tan grande que en días de moita ocupación cada empregado percorre unha notable distancia. Hai poucos anos Viruca colleu un aparato para medir o que se movía nunha desas xornadas e comprobou que chegou ata os 26 kilómetros!

Tamén nos conta que antes, polos anos sesenta e setenta, os días de feira tiñan moito traballo. De feito, adoitaban preparar previamente algúns dos produtos máis demandados, pois vendíanse "a granel", pesando cada un. A demanda principal era de callo, para facer queixo, cunha venda de ata 32 litros nun día; tamén tiñan boa saída o talco e sosa para facer xabrón e a lixivia o polvo gas para limpar a madeira.

O museo, a obra de María Luísa Couceiro

O interior da farmacia alberga unha alfaia especial, un museo que recolle interesantes documentos, obxectos e instrumentos procedentes da actividade da botica ao longo da súa historia. A persoa que levou a cabo esa valiosa iniciativa, e a recuperación doutros elementos do establecemento foi María Luisa Couceiro Seoane, quen comezou a traballar na farmacia nos anos cincuenta e asumiu a súa titularidade en 1968. O salientable labor de María Luisa permitiu a conservación dun singular patrimonio histórico e recibiu o recoñecemento da Xunta de Galicia en 2001 e da Real Academia de Belas Artes en 2008.

O museo reúne numerosos aparatos e material de laboratorio utilizados no pasado para a elaboración de fórmulas maxistrais e realización de análises, como un alambique, alcohómetros, microscopios, nebulizador para inhalacións, capsuladores, etc, e exemplares de farmacopeas antigas, desde tempos de Carlos IV (1794). Xunto a un vello albarelo, sen tapa, como eran antigamente, tamén vimos elementos como un "garda leites" moi útiles para as nais no período de lactancia, pero, incrible, de cristal! María ensinounos o aparato que se utilizaba para dourar as pílulas, unha especie de copa de madeira con tapa. Nela introducíanse as pílulas e o po, que por axitación reacubríaas e, segundo a cor, permitía diferencialas; nun primeiro momento usábase un po dourado, diso xurdiu a expresión "dorar la píldora".

O custe da conservación en tempos de crise

A preservación do patrimonio histórico da farmacia é un elemento de orgullo da familia Couceiro. Malia esa eloxiable aposta tamén supón diversos custes, uns teñen que ver co propio mantemento das instalacións e museo, outros, por exemplo, coas limitacións para incorporar un sistema moderno de almacenaxe dos medicamentos ou propaganda de produtos de parafarmacia que puidera facer competencia visual coas fermosas columnas e vitrinas.

Unha aposta pola conservación que transcorre agora en momentos dunha crise económica con efectos na actividade das oficinas de farmacia, fenómeno que afectou de forma especial aos establecementos que atenden aos sectores sociais con menos recursos. En 2014 Mauro Carrillo, Presidente da Asociación de Farmacia Rural Galega (Asfarga) explicou que das 1.345 farmacias galegas, 546 estaban no límite mínimo de vendas e se referiu a unha baixa da facturación do 40% nas boticas de Galicia. E en maio de 2016, José Luis Rodríguez Dacal, presidente da "Federación Gallega de Farmacias" indicou que 124 están están nunha situación dramática. Nese panorama algúns farmacéuticos láianse da excesiva burocracia á que está sometido o sector, que afecta, por exemplo, á prohibición de poñer publicidade externa ou aos atrancos para compatibilizar a actividade da oficina de farmacia con outras de profesións complementarias. Na Farmacia Couceiro confian en tempos mellores e en continuar o percorrido secular coidando do seu patrimonio histórico e ofrecendo ao público un servizo básico.