"Érgueste en cúpula ou cume e ollas feitizado eses teus ríos" son os primeiros versos do poema Betanzos pobo Fidalgo, o favorito da veciña e autora Esther López Castro, recollido na súa primeira mostra, Betanzos na poesía. O Liceo de Betanzos albergará os 22 poemas, ilustrados con fotografías, desde o día 11 até o próximo xoves.

"Comecei a escribir cando me faltou un ser moi querido: miña nai", evoca Esther, pois "a forma máis bonita para dirixirme a ela pensei que era un poema". Lembra que todo o mundo se entenrecía ao lelo. "A xente animoume a que seguise escribindo", conta, e desde aquela non se detivo. As súas composicións comezaron a publicarse no libro de festas de Betanzos até que, entre a conselleira de Cultura, María Barral, e a autora, decidiron recollelos nunha mostra para o disfrute de todos.

A mostra que se exhibe no Edificio Liceo inclúe dous poemas que foron galardonados, Don Quijote, Mito y Leyenda e San Juan y su embrujada noche. O resto de poemas teñen como tema central a Betanzos. A autora escríbelle, tanto en galego como en castelán, a todo o que teña relación co municipio, como os seus monumentos ( Betanzos Monumental), os seus ríos ( Betanzos e os seus ríos), as súas festas ( Gira a los Caneiros), a Virxe dos Remedios ( Versos a Nuestra Señora de los Remedios), os seus parques ( Retrato poético del Pasatiempo) ou a centenaria tradición do Globo ( Adeus, adeus, Globo), entre outros. Este último foi declamado por Víctor Díaz Barús durante o inflado e saída do globo de San Roque no ano 2014.

Esther López Castro está agora traballando nun conto titulado María, na busca da liña do horizonte, que relata as aventuras dunha nena en Galiza e editaráse dentro de pouco.