O traballo das redeiras, profesión de maioría feminina e que consiste en facer e reparar as artes das embarcacións, é imprescindible para que os mariñeiros poidan realizar a súa actividade. E é que sen redes, non hai peixe. "Os barcos van ao mar pero sen o noso traballo só poden pasear. Precisan da nosa dedicación para poder pescar", explica a presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, Rosa Isabel Rodríguez. A organización agrupa a 160 das 700 traballadoras que hai rexistradas en toda Galicia.

O seu segue a ser, malia isto, un oficio "descoñecido", como afirma un estudo publicado polo Ministerio de Agricultura no ano 2012. Un esquecemento no que pesan, segundo denuncia este grupo de profesionais, motivos de xénero. "As traballadoras do mar resultan evidentemente desprotexidas a nivel sociolaboral, ademais de discriminadas e esquecidas polo sistema en relación aos grupos masculinos dedicados a actividades semellantes", argumenta Rodríguez. Isto pódese apreciar, exemplifica, no feito de que os mariñeiros están "asegurados polo armador", mentres elas non teñen "ningún tipo de seguro". Neste contexto, esta agrupación de traballadoras esixe ao Goberno central que poña fin á súa situación de "desleixo" e que recoñeza por completo os seus dereitos laborais.

A mudanza da Ley Reguladora de la Protección Social de las Personas Trabajadoras del Sector Marítimo y Pesquero, que realizou o Goberno o pasado mes de outubro, supuxo, segundo o sector, unha "oportunidade perdida" para modificar certos aspectos da normativa e recoller as demandas e reclamacións das redeiras.

EXubilación. As traballadoras do mar reclaman un cambio na normativa que permita reducir a idade mínima para acceder a unha pensión de xubilación, tendo en conta as "especiais condicións de traballo" destas profesionais. "Trátase dunha auténtica tomadura de pelo, máis aínda se temos en conta as diferentes iniciativas que se aprobaron nas dúas cámaras nas que se insta ao Goberno a aplicar os coeficientes reductores da idade de xubilación", censuran dende a federación.

EAxudas. As redeiras esixen o dereito a percibir prestacións durante as paradas temporais polas que se ven afectados os buques no marco dos plans de xestión e recuperación dos caladoiros, que obrigan ás embarcacións a paralizar a súa actividade. "Nunca imos ter dereito a paros remunerados, xa que a nosa formación recolle varias artes de pesca distintas, polo que cando unha frota amarra simplemente temos que facer redes para outra", aclara Rodríguez.

EEnfermidades. O Parlamento Europeo recoñeceu recentemente os oficios das mulleres do mar e salientou ademais que a súa labor está sometida a esixentes e duras condicións laborais. "Manexamos navallas e traballamos sentadas, polo que padecemos problemas de costas, e a humidade das naves nas que traballamos non axuda", explica a presidenta da federación. Por isto, as traballadoras esixen o recoñecemento de certos beneficios sociais que mitiguen, na medida do posible, enfermidades e riscos derivados do seu traballo. "Non se trata de cobrar unha baixa. É algo moito máis serio. Hai doenzas moi comúns, como a lesión do túnel carpiano, que non están tipificadas como enfermidades profesionais", lamenta. "Teño compañeiras coa man nun estado lamentable que non se retiran porque non poden prescindir do seu salario", asegura Rodríguez, que engade que as que conseguiron o recoñecemento "tiveron que dar moitas voltas".

EFormación. Segundo Mercedes Martelo, redeira de Malpica, existen moitas barreiras para entrar a formar parte do sector, o que dificulta a incorporación de xente nova. Martelo critica que para comezar a traballar sexa necesario darse de alta, para o que se precisa un título profesional. O problema, sinala esta traballadora, é que hai un único centro formativo en toda Galicia, situado en Marín, e para obter a licencia hai que realizar un curso de 360 horas. "A xente non pode estar tres meses indo a Marín sen cobrar nada, é ridículo", censura. Ademais, denuncia que alí "non aprenden nada, só conseguen un papel".

Por isto, a federación propón que se fagan cursos nas distintas localidades onde hai talleres e que se rebaixen os custos da Seguridade Social para a xente en prácticas. "Se o Goberno nos deixara traballar, o noso oficio podería ser unha opción para a xente nova", asevera Martelo.

Esta traballadora do mar leva 37 anos exercendo o seu oficio, toda unha vida que comezou cando decidiu "casar cun mariñeiro". Mercedes fabrica e arranxa redes para os barcos do cerco, polo que chegou a encadear case tres meses sen cobrar. "Imos a onde faga falta: A Coruña, Ares, Sada, Portosín", enumera. A súa xornada laboral é variable, aínda que normalmente comeza ás 08:30 horas e remata ás 21:00. No caso de avaría, sinala, "non hai horario". O salario: 50 euros por xornada traballada, o que significa que en ocasións o soldo por hora non chega aos cinco euros.

Mercedes, ademais, sempre compaxinou o seu traballo coas tarefas domésticas, como a maioría de mulleres do sector. "Agora estou tranquila, xa que na casa só estamos eu e o meu marido, pero cando tiña tres fillos era moito", relata a redeira, que, malia todas as dificultades, non se arrepinte de ter escollido a súa profesión. "O problema é que, tal como está a xestionar a pesca o Goberno, non temos futuro", conclúe.