A gaiteira Susana Seivane foi unha peza fundamental na corentena dos veciños da súa casa de Cambre. Todos os días ás 20.00 horas saía ao seu balcón, ás veces acompañada dos seus fillos e sobriños, ás veces soa, a interpretar as pezas máis diversas. Dende a muiñeira de Chantada ata o Ya no puedo más de Camilo Sesto puxeron a nota musical ao confinamento de moitos, pois miles de persoas seguiron diariamente as retransmisións das actuacións polas redes sociais. Produto desa experiencia nace Dende o meu balcón, o disco que a artista presenta hoxe e que compila ese repertorio confinado que se colou nos fogares de tantas persoas en tempos duros.

Gravar un disco cos clásicos da música tradicional era unha conta pendente?

Dalgún xeito, si. Hai moitos anos, cando era eu pequena, gravara unha maqueta con Santiago Caneiro, e moitos dos temas que fixen no balcón están no disco. Este podería ter sido o meu primeiro disco, con grandes obras de arte da nosa música. Foi o que eu bebín dende pequena.

A acollida nas redes dos concertos das 20.00 foi espectacular. Manifestaron a mesma os seus veciños?

Foi moi boa. Os meus veciños, como todos, non tiñamos moito que facer. As saídas das oito foron unha axuda para nós, sabiamos que estabamos axudando a moita xente que o estaba pasando mal. Chegaron miles de historias pola rede, algunhas moi duras, outras preciosas. Isto foi unha forma de respirar, as casas están un pouco separadas, pero nos chegaban os berros dos veciños que estaban alonxados. Poñíanseme os pelos de punta, sempre lles berraba '¡ánimo, veciños!' ao rematar de tocar, e escoitaba as súas respostas.

Foi unha experiencia moi especial tamén para a súa familia, xa que os seus fillos foron partícipes dalgunhas das actuacións. Como o viviron?

Si. Nós fixemos o confinamento todos xuntos, coa miña irmá e os meus sobriños, porque vivimos na mesma finca. Era unha especie de ritual que tiñamos e que nos axudaba, sabiamos que estabamos facendo unha boa labor. Para os nenos foi duro tamén, houbo días que había que convencelos, pero eu síntome unha privilexiada, porque vivimos nunha casa, veu bo tempo...

O repertorio do balcón componse, en grande medida, polas peticións que recibía dos seus seguidores pola rede.

Si. Cando saía ás oito e colgaba nas redes o que facía, os seguidores comezaban a pedir, e eu os animaba a pedir. Penso que cumprín todas as demandas, había días que se me bloqueaban as redes de tantos comentarios. Case todos os vídeos se viralizaron. Empezaron a propoñerme facer un disco, e retomei aquela idea do meu primeiro disco. É un xeito de que quede aí iso tan extraordinario.

Cos directos de Instagram conquistou ao público latinoamericano. É un xeito de democratizar a música tradicional?

Si, a verdade é que ao final a música tradicional, a música de raíz, é a que nos une a todos. Eu nos directos de Instagram adoitaba facer música fusión, cun son máis moderno, tirando máis ao rock ou o funky, pero dinme conta de que a música tradicional é o que nos une os corazóns. Non só aos galegos: as persoas que me descubriron no confinamento eran de todos lados, do Estado español, mais tamén do resto do mundo. Descubriron unha música que non se sabe moi ben por que, pero emociona. Sempre digo que a gaita é un son moi máxico que te remove por dentro, a xente alucina e as veces choran a primeira vez que o escoitan. Penso que este é un dos motivos que fixo que se viralizase, ademais de polos galegos que están lonxe, que querían ter cerca algo da súa terra.

Ao rematar o confinamento, comezou a facer os chamados Concertos Concertosno balcón

A nosa primeira saída, en realidade, foi ese primeiro domingo que os nenos podían saír acompañados á rúa durante unha hora. Aí fixemos o noso primeiro pasarúas, foi precioso. Os veciños saíron a bailar, foi moi especial e moi divertido. Cando comezamos a retomar a axenda, porque se cancelara todo, o fondo cultural do Xacobeo 21 sacou unha partida de axudas. Tiñamos que presentar un proxecto, e como tivera tanto éxito, ocorréusenos este: concertos pequeniños en balcóns de lugares que pasen polo Camiño de Santiago. De momento fixen dous, un en Ribeira e outro en Santiago, e foi moi bonito. Agora vexo os balcóns dun xeito máis romántico ou emotivo. É tamén unha maneira de demostrar que a cultura é segura, que non é lóxico que estean os teatros cerrados e os avións e as aulas cheas. Entendo que é difícil compaxinar a saúde coa economía, pero entón tería que ir antes a saúde.

Evidenciou a crise sanitaria a desprotección do sector cultural?

Si, xa estabamos bastante desprotexidos, pero a raíz de isto a xente da cultura deuse conta de canto. Venche unha do revés e revéntache todo. Hai incongruencias que non entendemos e que nos cabrean.

Como autónoma denunciou, nalgún momento do confinamento, as dificultades de conciliación e o insuficiente das axudas.

Para min, certamente, foi moi duro. Tiven tal cantidade de traballo non remunerado aqueles días....Levantábame cedo e estaba ata pola noite facendo entrevistas por Skype, para a radio, entrando na tele, facendo videoclips. Eu non sei dicir que non, tiñamos que crear eses contidos para facer á xente o trago máis levadeiro. Fixen todas as entrevistas do mundo. Aparte, claro, de levar unha casa, as comidas, as ceas, as merendas, os baños, a roupa, a lavadora, a secadora...E tamén, claro, as clases telemáticas e os deberes dos nenos. Resultoume moi duro, porque estaban facendo os deberes e non paraba de recibir chamadas, e o pequeno non quería facelos porque para eles tamén era unha situación rara, porque a casa non é a escola. Para os músicos autónomos, o futuro é incerto. Agora parece que se van facendo cousiñas pequenas, pero os cachés baixaron e as axudas son insuficientes.