O Consello de Goberno da Universidade da Coruña aprobaba, o pasado 22 de abril, as bases mediante as cales se desenvolvería a fin de curso máis incerta dos últimos anos. A docencia e as avaliacións debían, de súpeto, dar o salto da presencialidade á vía telemática como única solución, unha circunstancia para a que evidenciaron non estar preparados nin a Reitoría, nin o profesorado nin o alumnado.

A proposta de finalización do curso atopou, entre os implicados, unha acollida dispar, xa que os oito representantes dos estudantes no Consello de Goberno acordaron votar en contra, decisión que non impediu a aprobación final do documento.

A relación de medidas, xurdida tras unha reunión mantida dos tres reitores galegos coa Xunta, tomou como base a vía telemática, a simplificación dos contidos das materias e a gravación das clases impartidas por videochamada, ca fin de suplir as dificultades que traería establecer un horario fixo para impartir o temario.

O documento fixa ademais o calendario da avaliación, datado entre o 18 de maio e o 19 de xuño para a primeira oportunidade, e entre o 29 de xuño e o 24 de xullo para a segunda. Resolvía algunhas das complicacións xurdidas aos alumnos en mobilidade ou coas prácticas pendentes, ofrecendo opcións non presenciais ou a substitución das mesmas por outras actividades.

Porén, os representantes do alumnado decidiron votar en contra da proposta. Fixérono debido a que, sosteñen, as medidas acordadas constitúen máis unha recomendación de cara aos profesores que unha obriga real, o que deixaba ao alumnado en condicións dispares de cara á finalización do curso en función da implicación coa que cada docente quixera encarar o desenvolvemento da súa materia.

Multitude de mensaxes en redes sociais evidenciaban este descontento por parte do estudantado, que puxo en marcha o hashtag #AsiNonUDC en coordinación co alumnado das outras dúas universidades galegas, a través do cal esgrimiron, ao longo das semanas, as queixas con respecto as carencias que eles consideran que caracterizarán a fin do curso.

A meirande parte dos comentarios xiran en torno á imposibilidade de rematar o curso en igualdade de condicións para todos os alumnos, xa que moitos deles non dispoñen dunha conexión a internet estable ou de equipos propios para seguir as clases ou asistir ás probas. Denuncian que son moitos os docentes que non teñen en conta as necesidades e circunstancias do alumnado, e que, na opinión de moitos, a Universidade non contou coa opinión da comunidade estudantil no proceso de toma de decisións.

Outro dos colectivos vulnerables ante a situación, o dos investigadores, demanda flexibilidade con respecto ao devir dos seus contratos. Malia que a Xunta decidiu prorrogar seis meses os contratos predoutorais e posdoutorais que se estaban a desenvolver previamente ao estado de alarma, constitúe unha medida cuxas implicacións non están claras e que non disipa, para o colectivo, as dúbidas con respecto ao futuro.