La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

FIESTAS A CORUÑA 2022

Unha romaría para encher e gozar

A Gran Noite do Folclore inicia este venres ás 21.00 horas a romaría de Santa Margarida, que recupera a normalidade e aumenta a tres os días de festa e actividades tradicionais

Familias comendo nas mesas de Santa Margarida o ano pasado na data da romaría. Víctor Echave

A romaría de Santa Margarida volve en todo o seu esplendor despois de dous anos descafeinados. A música, as rosquillas, as obleas e as comidas improvisadas en familia ocuparán todo o parque durante tres días. Aínda que a xornada tradicionalmente grande é a do domingo, a festa arrinca este venres á noite. “Intentamos ampliala un pouquiño e comezamos cun día protagonizado asociacións da cidade”, conta Antonio Prado, implicado na coordinación da festa.

A partir das 21.00 horas, o escenario situado no anfiteatro do parque será o lugar no que se celebre a Gran Noite do Folcore. Nas dúas horas que durará a celebración, pasarán por diante dos focos cinco agrupacións folclóricas: Cántigas da Terra, Maghúa, Aturuxo, Donaire e Son d’aquí. Cada unha actuará durante 20 minutos.

De cara á fin de semana, o programa tentará poñer a todos os públicos en relación cos ritmos máis tradicionais da cultura galega. Entre as 11.00 e as 13.30 pola mañá e entre as 17.00 e as 18.15 pola tarde, levaranse a cabo varios espazos participativos arredor da Casa das Ciencias. Estas actividades inclúen obradoiros de percusión, baile tradicional, gaita, pandeireta, cantos e xogos populares, dirixidos tanto a pequenos como a maiores. Dentro da programación infantil, ás 12.30 horas comezará unha actuación especial de Pablo Díaz, que interpretará temas musicais de xéneros moi diferentes para os cativos. Farao tamén ao abrigo da Casa das Ciencias, onde presentará temas do seu último libro, Coas miñas mans, e de traballos aínda máis recentes.

A primeira hora da tarde, Xavi Lozano realizará o número musical Tubos do mundo. “Vai sorprender a moita xente porque fai música con instrumentos improvisados de calquera tipo”, adianta Antonio Prado. Á noite pecharán a xornada dúas actuacións de música folk a cargo de Caamaño&Ameixeiras, ás 20.30 horas; e Mercedes Peón, que cantará a partir das 23.30.

O día grande das festas, os protagonistas serán os milleiros de veciños que visitarán o pulmón verde coruñés. As comidas familiares ao aire libre, con maior ou menor improvisación e enxeño, encherán de cor e ambiente un espazo entre os postos de comida e os negocios situados nas beiras das rúas do parque. A Banda Municipal de Música ao mediodía nas escaleiras da Casa das Ciencias. O final de toda a festa será o domingo á noite con Arredores, Milladoiro e Xisco Feijoo.

Non faltará o habitual espectáculo de artificios. Os fogos surcarán o ceo nocturno da cidade durante un cuarto de hora, entre las 22.45 e as 23.00 horas, antes do concerto de Xisco Feijoo.

Compartir el artículo

stats