Xangai: unha orquestra insólita da Coruña profunda

A banda percorrerá hoxe a cidade nunha ‘Festa Coruñenta’ desde a Buserana ata o Garufa

Os compoñentes da Banda Xangai.   | // CEDIDA

Os compoñentes da Banda Xangai. | // CEDIDA / Marta Otero Mayán

O manifesto bravú, referendado hai un cuarto de século polos máis insignes representantes daquel inenarrable movemento cultural, deixábao claro: non somos a periferia, somos o centro do mundo. Quizais é por iso polo que o artista multidisciplinar e músico Xurxo Souto define como “estrea mundial” o espectáculo que a Banda Xangai vai artellar hoxe polas rúas da Coruña, dende a Buserana ata o Garufa, facendo paradas alá onde os leve o vento ou as vontades. “Imos montar una treboada”, adianta Souto.

O nome da banda non é fortuíto, como tampouco o titular que encabeza esta páxina. Toman Xangai, termo que lle daba nome a ao tren, de “duración indeterminada” (ou interminable) que levaba a emigración galega camiño de Barcelona. “A banda naceu no aniversario do Ateneo de Nou Barris. O nome non podía ser outro”, rebela o músico. Os compoñentes xustifican a escolla: membros dos Diplomáticos, Brassica, Rapa, os Papaqueixos e a Magnifique Band dos homes sen medo, non emigrantes, máis si nómades nalgunha das interpretación do termo, suman os folgos precisos para botar a andar a súa poderosísima sección de vento, as guitarras bravas e as súas máis inmisericordes ganas de leria na Festa Coruñenta que tomará a cidade hoxe dende as 21.30 horas, para caer no Garufa contra as 22.00.

Nada ten sentido para a banda Xangai, e, ao mesmo tempo, ten todo o sentido do mundo. “Este verán, tocando en Ferrol Vello, un músico díxonos: que boa orquestra tedes! E caemos na conta de que iso eramos, unha orquestra”, asevera Souto. Non foi a de Ferrol Vello a única estación do Xangai este verán: alá onde foron, deixaron un himno: Fisterra, Monfero, Neda, Moeche. A Coruña, matizan, non lle fai falla, pois xa ten abondos. “Eu son dos Mallos, son de Labañou, pola Agra, por Monelos...”, cantarea o músico.

Conflúen en Xangai as andainas dispersas dos seus compoñentes, que teñen claro, porén, cales son os referentes estéticos dos que beben: Pucho Boedo e Arsenio Iglesias. Actitude punk coa dose xusta de preciosismo coruñento. “Como dicía Arsenio, somos como o mar da Torre: bravos e arroutados, pero moi elegantes”, declara. Son fillos en Xangai do inmorrente Boedo, máis tamén dos Satélites, pioneiros do jazz coruñés, na súa noción da comunidade que agroma da música e do Atlantismo irreverente dos anos 80. En Xangai non acreditan nos corsés nin no decálogo do bo músico. “Non cremos que só exista un camiño para a música. Queremos ser a banda de todos, a banda da Coruña profunda”, manifesta Souto.

Suscríbete para seguir leyendo