Entrevista | Carlos Blanco Actor. Interpreta a Héctor na obra ‘Tercer cuerpo’, hoxe e mañá no Rosalía de Castro

“Nacemos e morremos chorando e polo medio intentamos rir o máis posible”

“Claudio Tolcachir é o director máis cariñoso co que eu traballei na miña vida”

Carlos Blanco, 
na obra.   | // ELENA
C. GRAIÑO

Carlos Blanco, na obra. | // ELENA C. GRAIÑO / Ana Carro

Carlos Blanco é Héctor na obra Tercer Cuerpo, do arxentino Claudio Tolcachir. Comparte escenario con Natalia Verbeke, Carmen Ruíz, Nuria Herrero e Gerardo Otero. Son cinco personaxes, cinco vidas, cinco desexos de amar e cinco persoas incapaces. O galego, feliz de volver esta fin de semana ao Rosalía de Castro (venres e sábado ás 20.30 horas), fala desta oportunidade teatral, da importancia de sorprenderse e do bonito que é xirar por toda España.

Unha obra con cinco personaxes un pouco extraviados e solitarios, pero que teñen a necesidade de amar e ser amados. Como defines Tercer cuerpo?

Pois que contarte. É un texto dun tipo interesantísimo e fascinante, Claudio Tolcachir. Un director arxentino afincado en España que escribe e dirixe cousas extraordinarias. Neste caso, adaptou a obra a nós, ao público español. Tercer cuerpo é un título de difícil tradución, refírese a un corpo de funcionarios, como podería ser Correos. En escena hai cinco personaxes e dúas historias paralelas que conflúen finalmente. Efectivamente son cinco personaxes extraviados, que buscan o amor. Ten ratos enormemente divertidos e outros duros. Para nós, é un traballo interesante porque nos pide a máxima verdade. Os ensaios foron fascinantes. Claudio é o director máis cariñoso co que eu traballei na miña vida, ama o que facemos.

Como chegou a oportunidade de traballar con el?

Foi unha directora de casting, Rosa Estévez, que lle falou de min. Estou moi agradecido. Atopeina un día pola rúa en Madrid e díxenlle “non sabes o que che agradezo que me puxeras en contacto con Tolcachir”. Eu coñecía o seu traballo. Cando lle dixen ao meu fillo Lois, que sempre está atento de todo o que se fai, que me chamara Tolcachir, díxome “que esperas a ir correndo a traballar con el”. E iso fixen. Marchei a Madrid e alí estivemos tres meses ensaiando e logo no teatro Isabel. Agora percorrendo toda España. Faime moitísima ilusión levalo a Galicia.

Como é Héctor, o seu personaxe?

É un personaxe moi diferente de todos os que fixen. É un home da miña ideade, de sesenta anos, moi apegado a súa nai. Pero perde a súa nai e non sabe moi ben que facer. É un personaxe moi bonito que non ten nada que ver con outros que me teñen dado na miña carreira.

Máis de 30 anos de traxectoria e vostede aínda se sorprende cos traballos.

E que se non o deixaría. Se non me sorprendese, se non me divertise, se non aparecesen personaxes novos e cousas que a min mesmo me ilusiona facer, se me desen sempre o mesmo personaxe, me aburriría. Se algo ten de interesante o oficio de actuar é que é moi inseguro pero moi variado. De repente chegan regalos coma este. A maiores, somos un grupo moi ben levado. Estivemos en Benidorm, a semana que vén marchamos para Canarias. Danos moita vida levarnos tan ben.

Como é xirar lonxe da casa?

Pois tiña curiosidade por actuar en teatros que nunca estiven: en Valencia, en Zaragoza, en Granada... É cansado pero é súper interesante. Dame a vida que agora o tren vai rápido.

Volvendo ao argumento da obra. Ás veces non gozamos de momentos coma este pola obsesión de ser felices?

Si. Pode ser. Pero para as persoas que van encher o Rosalía, pediríalles que non se alarmen se ao principio se quedan desconcertados coa obra. Ao principio, o público non sabe moi ben se é para rir ou non. A función é unha comedia, só que hai momentos no que a risa se conxela porque tamén se lles conxelan as vidas aos personaxes do escenario.

Así é a vida, non? Rir e chorar.

Si. A vida é unha traxicomedia e acaba sempre mal, acaba morrendo. Non coñezo ningún caso diferente, non sei o presentador de Saber e ganar, pero o resto somos mortais. A vida sempre acaba así. Nacemos e morremos chorando e, polo medio, intentamos rir o máis posible.

Ou sexa que moitos poderán sentirse identificados cos protagonistas de Tercer cuerpo.

Seguro. Eu creo que todos os que vaian esta fin de semana ao Rosalía poderán poñerlle un nome ao personaxe de Carmen Ruíz, Moni. Seguro que coñecen unha. Estou segurísimo. É unha metepatas, un desastre.

Suscríbete para seguir leyendo