Memoria feminista nas ruínas da Acrópole

O dúo vigués Fillas de Cassandra presentará o domingo na Fundación Seoane o seu proxecto musical, que reinventa e reescribe a mitoloxía dende a perspectiva de xénero

Sara Faro e María Pérez, Fillas de Cassandra.   | // SANTI IGLESIAS

Sara Faro e María Pérez, Fillas de Cassandra. | // SANTI IGLESIAS / Marta Otero Mayán

“Mulleres de tódalas polis do mundo: Nós, da voz de Lisístrata, ciframos en vós a nosa esperanza. Porque hoxe, coma sempre, se nós paramos, o mundo para. Se o mundo para, a guerra remata”

Calquera podería pensar que Fillas de Cassandra comezou hai pouco máis dun ano da man de María Pérez e Sara Faro, dúas rapazas de Vigo con talento e amor pola música; pero a raíz das autodenominadas herdeiras do mito hai que procurala moito antes: hai miles de anos, na antiga Grecia, cando o deus Apolo maldice á sacerdotisa Cassandra quitándolle a credibilidade nas súas profecías como castigo a un amor non correspondido. “Condenada, como todas nós, a non ser crida”.

María Pérez e Sara Faro reivindícanse elas, como mozas feministas do século XXI, parte da estirpe dunha das primeiras vítimas dos cuestionamentos e o descrédito patriarcais. Entre Cassandra e as súas fillas, miles de anos, pero moitos paralelismos. “A primeira canción, Cassandra, saíu cando estabamos estudando eses mitos. Decatámonos de que se tirabamos dese mito irían resoando outras partes da nosa vida como mulleres na actualidade. Tivemos que parar de ler historia porque tiñamos suficiente material para levar a cabo un proxecto”, contan.

Así nace Acrópole, un coidadísimo proxecto musical no que María e Sara, dende o piano, a pandeireta e a percusión, prestan as súas voces para servir de ponte entre dous mundos. O das mulleres de hoxe e o das de onte, con diferentes realidades, pero opresións parellas. Hoxe Sara, María, Paula, Jennifer, Ana, Sandra, Alba, Lola. Onte Lisístrata, Eco, Antígona, as Moiras, Dafne ou Syrinx. Malditas, desterradas ou asasinadas por querer ser libres. Tal hoxe. Unha proposta musical que emana saber facer e vontade de reivindicación e que terá varias paradas na Coruña. A primeira será este domingo na Fundación Luis Seoane, no marco do ciclo VanGal (19.00 horas).

"Que pasa se ocupamos a Acrópole? Que dende aí podemos cantar"

A esta primeira seguiranlle outras dúas: a vindeira fin de semana en Santa Margarida como parte do cartel do Istmo, e en xullo no Atlantic Pride. Moitos escenarios, un único decorado: a Acrópole. “A unión fíxose soa entre a nosa actualidade e os mitos de hai 2000 anos. Pensamos en como podiamos vencellar iso, xuntarnos todas nese lugar de poder, que é a Acrópole, dentro de Grecia. Que pasa se a ocupamos? Que dende aí podemos cantar”, retan.

Por diante, todo un verán de citas musicais repartidas en salas e macrofestivais como o Son do Camiño. Nos diarios xa falan delas como o grupo emerxente do momento. O seu tema Lisístrata (varre vasoira) valeulles o premio aRi[t]mar á mellor música do ano en Galicia, e xa algún cartaz de sold out, tan adoecido por todo artista, puideron pendurar. Pero antes de todo isto, escrutando no pasado, agóchase o xérmolo dunha idea, que emerxeu coa forza e a velocidade dun géyser e moitos kilómetros de furgoneta. As Fillas de Cassandra, inciden, xa existían antes de existir. “Comezamos a tocar moito pola nosa conta, en festivais pequeniños, polas vilas, con cancións compostas dende había tempo. Parece que comezamos en setembro, pero xa levábamos unha carreira de fondo, de ir por aí de xeito autoxestionado, producindo, gravando vídeos. No momento no que te colocas nas plataformas dixitais empezas a existir”, relatan.

Para elas, ao contrario do que lles acontece a moitos, entrar nos circuítos da industria non supuxo perder ápice da súa esencia e caer nunha xungla de egos caníbales, senón todo o contrario: na industria musical galega atoparon mans amigas de parte de outros músicos e artistas que souberon ver a necesidade de brindar soporte a un proxecto coma ese. Tamén as redes sociais se renderon ao seu talento, da man de creadores de contido online arredor da música en galego, como Rodri Míguez ou Alberto Busto, que centraron as expectativas no dúo dende as súas plataformas. “Tivemos unha sorte inmensa, porque a escena musical nos abriu as portas desinteresadamente. Figuras como Berto, que contactou con nós para axudarnos sen saber a repercusión que podía ter; A banda da loba, que nos levou a concertos seus, Rebelión, que nos apoiou sen ser do mesmo estilo musical ca nós. Sentímonos moi acollidas”, sinalan.

Fillas de Cassandra comezan unha andaina musical cunha proposta que soa nova, fresca e fondamente magnética e diferente. Foxen de comparacións e claman por un sitio para todas nunha industria na que as mulleres creadoras teñen cada vez máis que dicir. Primeira parada, as ruínas da Acrópole. Segunda parada, a historia.

Suscríbete para seguir leyendo