Ecodicionario galego

40. Fitorremediación

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: s. f. Uso de plantas vivas para limpar solos, aire ou augas contaminadas. Esta definición non figura (aínda) no dicionario da Real Academia Galega (RAG).

Palabras e expresións relacionadas: Helófita: planta acuática de lugares enchoupados ou asolagados, coa maior parte do seu aparato vexetativo emerxente. Hidroponía: sistema de cultivo que permite que as plantas crezan nunha solución de auga con nutrientes, isto é, sen terra. Depuración: conxunto de operacións de tipo biolóxico, químico e/ou físico cuxa finalidade é a eliminación ou a redución da contaminación ou das impurezas das augas. Estas definicións, agás parte da última, non aparecen (aínda) no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: A palabra fitorremediación foi acuñada en 1991 polo fisiólogo vexetal estadounidense de orixe rusa Ilya Raskin (n. 1956). Raskin explorou ao longo da súa carreira investigadora o potencial das plantas para purificar solos e augas contaminadas con metais pesados. Co paso dos anos, e con técnicas perfeccionadas, lográronse custos inferiores aos tratamentos de neutralización química de contaminantes, engadindo, ademais, beneficios no relativo á preservación da fertilidade dos solos. A fitorremediación foi posteriormente adaptada á depuración de augas residuais, mediante a creación de charcas con altas densidades de helófitas; grazas ás bacterias nas súas raíces, lograban diminuír a toxicidade dos efluentes a medida que atravesaban a extensión desta charca vexetada, similar a un cultivo hidropónico.

Por que está en auxe esta palabra?: Veñen de cumprirse 25 anos do desastre ecolóxico de Aznalcóllar, causado pola rotura dunha enorme presa mineira; a vertedura de augas ácidas, cargadas de metais pesados, afectou a 4.300 hectáreas en nove municipios do terzo occidental de Andalucía, chegando ás portas do Parque Nacional de Doñana. Tras a acelerada e custosa retirada de lodos tóxicos, e á neutralización das augas, comezou unha intensa campaña de fitorremediación no chamado “Corredor Verde” dos ríos Agrio e Guadiamar, sementando ducias de hectáreas con mostarda india (Brassica juncea (L.) Czem.), especie con contrastada capacidade para acumular metais como zinc, chumbo e cobre. Tamén se plantou lupino branco (Lupinus albus L.), especie con capacidade de diminuír a solubilidade de metais no chan e beneficiosa por fixar nitróxeno atmosférico no solo. Os resultados foron satisfactorios os primeiros anos do experimento, se ben axiña deixou de haber fondos suficientes para investigar con novas especies e en novos microhábitats no devandito “Corredor Verde”. Por último, apuntar que a fitorremediación aplicada á depuración de augas residuais en casas particulares e pequenas aldeas comeza a popularizarse grazas aos seus baixos custos e excelentes resultados, supoñendo, ademais, a creación de pequenas zonas húmidas de interese para fauna silvestre, como anfibios e libeliñas.