Entrevista | Ricardo Cao Profesor e investigador da Universidade da Coruña. Candidato a reitor por Nova Luce

“A Universidade ten unha importante renovación xeracional por facer”

“O meu lema é que a UDC a facemos entre todos e todas e por e para todos e todas”

O matemático Ricardo Cao.   | // VÍCTOR ECHAVE

O matemático Ricardo Cao. | // VÍCTOR ECHAVE / Ana Carro

O matemático Ricardo Cao, profesor e investigador da Universidade da Coruña (UDC), será o candidato de Nova Luce nas próximas eleccións á Reitoría. O actual reitor, Julio Abalde, foi un dos que animou a Cao a dar o paso, como el mesmo conta. O docente fala da situación actual da UDC, dos seus plans e dos próximos meses, nos que a súa idea é “escoitar intensamente” a todos os membros da comunidade universitaria.

Como xurdiu esta oportunidade de optar a reitor e o respaldo por parte de Nova Luce?

Nova Luce existe desde hai moito tempo, máis de 20 anos. O actual reitor, Julio Abalde, está rematando o seu segundo mandato. Houbo bastantes colegas de Nova Luce que me animaron a dar o paso á fronte. Para min é unha honra, tanto que me animaran como que me apoiaran na asemblea. Agora cambian moitas cousas pola LOSU —nova Lei Orgánica do Sistema Universitario— que entrou en vigor. Establece que os mandatos son de seis anos, non de catro, e sen posibilidade de reelección.

É tamén unha responsabilidade?

Si, por suposto. Unha honra e unha responsabilidade moi grande. A verdade é que recibín moitas mostras de apoio. Ademais, hai moitas cousas importantes por facer. A propia LOSU vén de establecer uns cambios de estatutos que haberá que facer co maior consenso posible. Hai que tomar decisións. A LOSU, ademais, está pendente de aprobación doutra normativa, na que o Ministerio de Universidades está traballando. Isto significa que ata que se aproben eses decretos estamos nun momento de situación transitoria.

Cales son os retos máis inmediatos da Universidade da Coruña?

O lema que eu propoño é que a Universidade a facemos entre todos e todas e por e para todos e todas. Para min, ese é un dos retos importantes. Penso que a Universidade está moi falta dunha maior participación de toda a comunidade universitaria: o persoal de administración e servizos, o persoal docente-investigador e tamén os estudantes. O claustro ten agora mesmo 300 membros, pero quedaron máis de 20 postos vacantes. Non é bo como institución. Ben sei que a pandemia foi unha situación moi especial e propiciou moito teletraballo, pero non é bo que haxa postos vacantes. Desde o meu punto de vista, a Universidade ten unha importante renovación xeracional por facer. Os que estamos, imos tendo unha idade que temos e é preciso acometer unha renovación. Tamén está o tema do financiamento das universidades. A LOSU, como lei orgánica, establece que ese financiamento ten que chegar ao 1% do Produto Interior Bruto. Iso é positivo. É algo que temos que demandar ás administracións e no noso caso, á Xunta de Galicia.É un aumento indispensable para facer moitas cousas, como esa renovación xeracional do persoal.

O plan para atraer ou reter persoal docente e investigador pasa por ter mellores condicións?

Evidentemente. A Universidade da Coruña ten feito un labor importante participando en programas de captación de talento, mesmo sendo líder nalgún deses programas, como o InTalent, financiado por Inditex. Está moi ben que unha empresa privada financie un programa de retención de talento, pero as Administracións públicas tamén teñen que financiar a Universidade. Estes programas son interesantes, pero estamos falando de algo máis que iso, que é que o persoal da Universidade temos que ter o financiamento axeitado para acometer as cousas que comentaba.

Nesas relacións, é importante tamén reforzar a relación da UDC coa propia cidade?

Si, moi importante. Penso que se fixeron cousas interesantes e valiosas, pero pode facerse máis. É interesante ver como as Administración locais se posicionan nisto. É importante facer da Coruña un lugar atractivo para atraer persoal investigador e docente. Como o que se fixo, por exemplo, coa Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia), proxecto no que a Universidade e a cidade foron da man. E tamén podería ter sentido que fose da man a área metropolitana. Nese aspecto quedan cousas por facer para que A Coruña sexa atractiva como lugar de traballo e residencia.

A Aesia é un proxecto importante. Tamén a Cidade das TIC. A especialización pode axudar a facer da UDC un referente?

Sen dúbida. O ámbito das TIC é un eido no que a nosa Universidade ten moitas forzas. Tamén o propio centro CITIC ten un liderado moi importante. Participamos en proxectos moi singulares. Pero iso sendo importante, hai que enriquecelo con outras cousas. E un bo exemplo é a Aesia, que non ten unha vinculación coa UDC, pero esta tivo un papel importante na candidatura. A axencia que é de Intelixencia Artificial tamén ten seguramente aspectos moi relevantes que teñen que ver coas ciencias sociais, coa ética, co dereito... Moitos aspectos que desbordan o campo das TIC. As TIC son unha magnífica ferramenta transversal para que nós poñamos en valor outras especialidades e áreas de investigación.

Neste anos apareceron tamén novos graos. Se a dinámica continúa así, haberá espazo suficiente?

Algunhas reformas que se están a facer teñen que ver con iso, con como utilizar os espazos do xeito máis eficiente posible. Por exemplo, o Grao de Moda fai uso de espazos que anteriormente estaban adicados a outras titulacións. Temos que ser flexibles e reconverter as cousas.

E internacionalmente, hai posibilidade de mellora?

Eu penso que si. Estou seguro. Temos un magnífico programa de formación para os estudantes en verán. É certo que coa pandemia perdeu forza, pero está recuperando. Algúns graos e mestrados están tendo moi boa acollida con estudantes de fóra. Podo falar do Mestrado de Bioinformática para Ciencias da Saúde, do que son profesor, que comezou dun xeito modesto, con poucos estudantes matriculados. Pegou un cambio grande sobre as persoas que acceden a el. Ao principio eran estudantes de Galicia e agora máis da metade dos estudantes son de fóra de Galicia e unha boa cantidade deles, estranxeiros. É moi gratificante.

Se gaña as eleccións e asume o cargo de reitor, terá que poñer en pausa a súa labor docente e investigadora?

O reitor ten exención de docencia total, seguramente porque non teña tempo para moito máis. Non me gusta estar afastado da docencia porque me gusta dar clase. Tamén me gusta moito facer investigación. Pretendo non renunciar a isto último, aínda que sexa modestamente. Para min foi un motivo importante para dar o paso que o noso grupo de investigación, o de Modelización Optimización e Inferencia Estatística, é un grupo grande de 20 profesores estables. Tamén foi moi importante para min falar cos estudantes de doutoramento, que afortunadamente todos son codirixidos.

Suscríbete para seguir leyendo