Música, comedia e troula: Así é o Castelo Conta, a festa que lle deu a volta á festa na aldea de Touriñán

Xoel López e o Combo Viramundo, Muchachito, Lamatumbá, Xabier Díaz, Susana Seivane, Familia Caamagno, Abraham Cupeiro, David Amor, David Perdomo ou o propio Touriñán son os protagonistas da oitava edición do festival

Xosé Antonio Touriñán, nunha edición anterior do Castelo Conta

Xosé Antonio Touriñán, nunha edición anterior do Castelo Conta / LOC

Redacción

O Castelo Conta é xa unha referencia entre os festivais do verán. Do 21 ao 27 de agosto a aldea de Xosé Antonio Touriñán énchese de escenarios sobre os que desfrutar de teatro para todas as idades, música, comedia, tradición oral, actividades na natureza… E é que Castelo é un lugar especial, unha aldea de pouco máis de duascentas veciñas e veciños que organizan este festival singular que atrae milleiros de persoas de todas as idades durante unha semana.

A filosofía do Castelo Conta xira ao redor da conservación da natureza e a tradición oral. É por iso que teñen moita presenza nas actividades pensadas para os máis pequenos, que desfrutan da súa propia programación durante toda a semana. Os miúdos e miúdas aprenden xogos tradicionais, desfrutan con obradoiros de pintura, teatro e música e coñecen máis cousas sobre a natureza máis próxima visitando os montes comunais e participando en plantacións de especies autóctonas.

O festival entra nas casas dos veciños e veciñas que serven como escenario de concertos e espectáculos. A parte musical vén moi forte este edición coa participación de vellos coñecidos do festival como Xabier Díaz e Susana Seivane ou coa gran noite do venres 25 cos concertos do Combo Viramundo, ogrupo de versións formado por Xoel López, Fernando Lamas, Adrián Seijas, Luis Soler e Amanda Pinos), Muchachito One Man Band e Lamatumbá. Este ano o Castelo Conta tamén terá unha DJ residente, Russ, que será a encargada de poñer a bailar Castelo nas noites de luns a venres.

Integrantes da banda Combo Viramundo

Integrantes da banda Combo Viramundo / LOC

O xoves 24 a noite é para Touriñán e Perdomo que presentarán Corentena, o espectáculo no que levan aos escenarios as conversas e personaxes que improvisaban en directo en Instagram durante o confinamento de 2020. Será a primeira vez que o fan cun público amplo, logo da súa xira por pequenas salas galegas esta primavera. Ao remate, a Familia Caamagno contaxiarán ao público cos seus ritmos bailongos e o seu espíritu rock.

O Día Grande do Castelo Conta é o sábado 26, unha xornada intensa que comeza cun xantar no que as persoas participantes collen forza para a andaina, que nesta edición subirá ao alto do Xalo amenizada pola música de charangas e gaiteiros. No alto, agardará Abraham Cupeiro; o músico lugués ofrecerá un concerto nunha paraxe espectacular, coas árbores como escenario de luxo. Despois da cea comeza a tradicional noite de monólogos conducida por Touriñán. David Amor, Pepo Suevos, Lucía Veiga, Marita Martínez, David Perdomo, Noemi Rodríguez ou Rober Bodegas serán algúns dos participantes desta longa noite que continuará despois coa música de Salamandra e DJ Mínimo.

Festival Castelo Conta

Festival Castelo Conta / LOC

A tradición oral é a protagonista dos Contos de Castelo, que este ano mudan de formato para converterse nun pódcast que conducirán Alfonso Hermida, Moncho VIña, David Amor, Carlos Blanco, Marga Pazos, Nacho Carretero e Arturo Lezcano. Nestas conversas cos veciños e veciñas máis maiores, falarase de música, emigración, lendas, contos populares… Tamén como novidade desta edición, a artista Hadriana Casla realizará unha convivencia coas veciñas de Castelo que resultará nun documental colaborativo no que sexan elas as que conten de primeira man as súas historias.

O venres 25 clausúrase por todo o alto a programación para a cativada coa presentación de Bechos, a nova serie de animación para primeiros espectadores da Televisión de Galicia e cun concerto de A Gramola Gominola, co seu rock en galego para toda a familia.

Tamén terá lugar nesta edición do Castelo Conta a estrea da curtametraxe Nena, coa presenza dos seus protagonistas: Antía Touriñán, David Perdomo, Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán. Ademais, logo da proxección, Belém Tajes, autora da banda sonora, ofrecerá un concerto. Será o mércores 24 e o auditorio elixido é a Eira do Ferrador.

A oitava edición do festival remata o domingo, día 27, cunha sesión vermú e un xantar popular, para clausurar unha semana na que Castelo convértese na capital cultural de Galicia.