Mangüi, unha vida escrita en música

Figuras da escena coruñesa renden homenaxe en María Pita ao baixista dos Diplomáticos

Mangüi, (segundo pola esquerda) nunha foto antiga dos Diplomáticos de Monte Alto.   | // LCO

Mangüi, (segundo pola esquerda) nunha foto antiga dos Diplomáticos de Monte Alto. | // LCO / LOC

“Non vai ser unha homenaxe triste. No nome de Mangüi queremos reivindicar toda a creatividade dos barrios da Coruña, sen esaxeración”. Xurxo Souto nunca esaxera, e menos aínda cando toca falar de de Mangüi. O entrañable baixista dos Diplomáticos de Monte Alto, tristemente falecido a principios de ano, terá unha homenaxe a altura da pegada que deixou na escena musical coruñesa hoxe en María Pita, no marco das festas da cidade (22.00 horas). Non bastaba o escenario da praza para acoller a todos os que quixeron aproveitar a ocasión para devolver ao músico todo o agarimo brindado en vida. Mais, como expón Xurxo, a ocasión pedía facer unha selección. “Un rapaz do Agra do Orzán, outra dos Castros...”, enumera Souto. Ou, noutras palabras, o gaiteiro e fundador de Luar na Lubre, Bieito Romero, e a popular artista Mercedes Peón serán algúns dos nomes que renderán hoxe tributo a Mangüi, pero non os únicos. Estarán Paco Lodeiro, —“representando aos crooners, do mundo da orquestra, cos que Mangüi colaborou”—, tamén Xosé Manuel Pereiro, de radio Océano, no nome dos punks; a “madriña” dos Diplomáticos, Uxía Senlle, e o seu primeiro produtor, Antón Reixa. E que teñen en común?

Mangüi, nada menos. Todo empeza e todo remata nel, ata o máis insospeitado. “Cal era aquela personaxe de Mareas Vivas? Chamábase, erfectivamente, Mangüi”, engade Souto. E tampouco, desta vez, fala en hiperboles. Se hai grupos da escena musical coruñesa que non tiveron o privilexio de tocar con Mangüi, eses foron minoría. Sábeo a histórica artista e instrumentista Mercedes Peón, que antes de ser unha das figuras fundamentais da música galega, tivo unha banda de rock. E aí, como non, estaba Mangüi, como unha figura transversal que non sabía de prexuízos á hora de entender a creación artística. “Cando eramos novos e naceu o que Xurxo [Souto] denominou corrente bravú, case todos eran homes. Todo era moi masculino. Xustamente Mangüi era desas persoas que non vía o xénero, non tiña ese prexuízo. Era un ser marabilloso”, lembra Peón, que hoxe levará a María Pita dúas pezas: unha primeira, Nordés, que a propia artista gravou nun pasado feliz cos Diplomáticos. E unha segunda, Mareas Vivas, que entronca coa semente audiovisual de Antón Reixa na mítica produción e reivindica tamén a ese Mangüi da ficción galega. O da realidade, porén, imponse en todos os apectos. “Era un músico de barrio, unha persoa con moitísimo talento. Tiña unha impronta sonora e improvisación inmediata. Iso raramente se atopa hoxe. Era unha persoa que nunca che removía nada malo”, comparte Peón.

O concerto que os amigos de Mangüi brindarán hoxe en María Pita non será unha homenaxe, será unha festa. Unha ocasión para celebrar a vida de Mangüi, e, coa del, a de todos eses actores secundarios, músicos impresdindibles cuxos nomes raramente transcenden, pero cuxa pegada, imperceptible e discreta, queda impresa na vida de todos aqueles cos que tratan. “A música non deixa de ser unha cousa capitalista, centrada no éxito, como aquel programa da televisión que vían as nosas fillas de cativas, Operación Triunfo. A de Mangüi era música feita para compartir. El puido vivir da informática, pero decidiu vivir da música, con humildade e en segundo plano”, engade Xurxo Souto, que, recoñece, aínda adoita pensar que “hai que ir coller a Mangüi” antes de cada concerto. Así o lembran, tamén, os que o coñeceron, como Xosé Manuel Pereiro, vocalista de Radio Océano: “Era o típico tío ao que lle gustaba estar en todos os grupos de música. Cando coincidías con el nun escenario, era sempre o sorriso que tiñas ao lado cando te miras cos músicos. Era o que animaba, o que sorría, unha persoa divertida, alegree e que facía gala dun compañerismo exremo. Era moi alegre e ao mesmo tempo cunha solidariedade cun compañerisomos extremo, non é habitual, iso hoxe”, asegura.

Ese carácter tan transversal impide que a homenaxe de hoxe quede adscrita unicamente á praza de María Pita. O concerto Mangüi, sempre en nós, empeza uns kilómetros máis lonxe, na periferia coruñesa na que naceu o músico, nada menos que na rúa Barcelona. De alí partirá unha comitiva, encabezada por Sonsoles, a irmá de Mangüi, quen, provista do baixo do finado músico, percorrerá a distancia que separa o Agra do Orzán de María Pita, para culminar esa última travesía para un home que viviu para a música.

Suscríbete para seguir leyendo