Guía para non perder nada na Romaría de Santa Margarita esta fin de semana

Tres días de música e baile tradicionais porán o broche ás festas de agosto con actuacións de Sharon Shannon, Treixadura ou Eliseo Parra

Edición pasada da Romaría de Santa Margarita.   | // VÍCTOR ECHAVE

Edición pasada da Romaría de Santa Margarita. | // VÍCTOR ECHAVE / Marta Otero Mayán

Santa Margarita será, como cada ano, escenario de fin de festa. Agosto despídese na Coruña cunha fin de semana de romaría, na que é xa unha das citas máis consolidadas do verán coruñés e que cada ano suma novos atractivos. Na súa edición de 2023, a festividade trae folclore, música tradicional galega e non galega, con nomes como os imprescindibles Treixadura ou Donaire do lado da terra ou Eliseo Parra e Sharon Shannon dos foráneos convidados. “O protagonismo é das entidades da cidade”, comenta o organizador da romería, Antonio Prado, profesor da Asociación Cultural Donaire.

Os actos comezan xa mañá, venres, cunha grande Noite do Folclore onde participan agrupacións como Aturuxo, Cantigas da Terra, Donaire ou Son d’aqui. “Félix Rodríguez conducirá a gala no anfiteatro para que a xente poida gozar do espectáculo”, engade Prado.

O sábado, o escenario para a segunda xornada da festa trasladarase á explanada da Casa das Ciencias. “Haberá obradoiros de música e baile tradicionais e postos informativos, tanto de entidades da cidade como de fora, para que a xente poida coñecelos”, conta o organizador. As actividades terán lugar entre as 11.00 e as 19.30 horas, con propostas como iniciación ao baile tradicional, cantos de taberna, pandeiro, percusión tradicional e baile agarrado galego.

Despois, contra o mediodía, comezará a sesión vermú a cargo de Maghúa. Pola tarde, terán lugar os obradoiros de instrumentos tradicionais, O baile en Grixoa, percusión e ritmos, iniciación ao baile galego para adultos, e iniciación ao baile e pandeireta galega. As propostas formativas serán impartidas por entidades da cidade. A xornada da noite, pola súa banda, desprazarase cara o anfiteatro, onde terán lugar os concertos de Arredores, Treixadura e Airiños da Freba, que actuarán a partir das 20.30 na tardiña. “Arredores é un grupo nóvel con base na Coruña, Treixadura é o prato forte do sábado, porque é un proxecto máis que consolidado, e o peche corresponde a Airiños da Freba, que foron os gañadores dos últimos premios Martín Códax”, enumera o organizador, que anima a todos os asistentes a aproveitar a noite para “continuar co aprendido nos obradoiros da tarde e gozar da noite”. O domingo, o día grande da Romaría, virá, de novo, cunha intensa xornada de actividade, que trae algunhas novidades con respecto a edicións anteriores. A máis destacada é un novo escenario para os concertos. “Estará situado onde o hórreo da entrada ao parque pola rolda de Nelle. A idea é animar esa previa ás comidas”, conta Prado. Actuarán neste escenario Cantometrics e Os Viqueiras contra as 13.15 do mediodía.

Pero antes, será a quenda dos pasarrúas, que, desta volta, serán encarga de Pasenfron (11.00 horas), Os Gaiteiriños (18.00 horas). De novo coa escalinata da Casa das Ciencias como escenario, a banda municipal de música da Coruña (12.00 horas), ofrecerá un concerto acompañada por Cantigas da Terra.

Por último, a noite do derradeiro domingo de agosto estará amenizada pola agrupación galega Xosé Lois Romero & Aliboria, mais tamén pola música de raíz de outros lares. “A romería os últimos anos foi eminentemente galega, e este ano quixemos abrir as fronteiras e invitar tamén a grupos de fora”, conta Antonio Prado. Como consecuencia, a acordeonista irlandesa Saron Shannon é un dos nomes máis potentes que integran o cartel. “É unha referencia absoluta do folk. Este será o seu único concerto en Galicia este ano”, conta o organizador.

Tomaralle o relevo no escenario, tralos fogos de artificio, o folclorista Eliseo Parra, “unha referencia da música feita na Península” e cuxa xira de despedida, de igual xeito, ten na romería de Santa Margarida a súa única parada en Galicia.