Ecodicionario galego

57. Kaitiakitanga

Cosme Damián Romay Cousido, biólogo

  • Definición: s. (mao.) Concepto filosófico dos maorís, que defende que os seres humanos deben usar, e á vez tutelar e coidar, o mundo natural, unha vez que forman parte del. Esta definición non figura (aínda) no dicionario da RAG.
  • Palabras e expresións relacionadas: Kaitiaki: para os maorís, persoa ou grupo de persoas que se preocupan da custodia dun lugar (lago ou bosque). Custodia do territorio: conxunto de estratexias e instrumentos que pretenden implicar aos propietarios e usuarios do territorio na conservación e no bo aproveitamento dos valores e recursos naturais, culturais e paisaxísticos. Estas definicións non aparecen no dicionario da RAG.
  • Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: o kaitiakitanga é un concepto referido á responsabilidade humana na custodia ambiental, que inclúe ideas como tutela, coidado e xestión intelixente. As prácticas tradicionais de caza, pesca, recolección e cultivo, seguían complexos códigos nos que se garantía a preservación da contorna. Por exemplo, había râhui ou prohibicións temporais para cazar ou tomar alimentos dunha zona; ou mesmo existían lugares sagrados, que non se debían visitar (wâhi tapu). O trasfondo é a consideración dos maorís de pertenza ao mundo natural, case en forma de parentesco cos diversos elementos que compoñen o medio no que viven. Aínda que kaitiakitanga ten que ver cos habitantes orixinais de Nova Zelandia, esta verba refire conceptos aplicables a outros colectivos humanos arreo do mundo, que gardan e protexen os recursos naturais. Por exemplo, os bosques sagrados de África, os cazadeiros reais preservados na India durante séculos, ou mesmo as áreas “tabú” na Polinesia (vinculadas coa idea do tapu dos maorís) son tamén exemplos similares ao kaitiakitanga.
  • Por que está en voga esta palabra?: as fórmulas de custodia do territorio, nos que son fundamentais os acordos e colaboracións continuas entre propietarios, entidades de custodia e outros axentes públicos e privados, están estendidas por todo o planeta. Desde as primeiras iniciativas de custodia do territorio modernas (National Trust británica, ano 1895), miles de quilómetros cadrados de territorio de alto valor natural son preservados hoxe en día a través destas fórmulas de custodia. E aínda que o kaitiakitanga ten centos de anos de antigüidade (os maorís chegaron a Nova Zelandia arredor do ano 1250 da nosa era), a súa formulación actual adáptase aos tempos que corren e á lexislación imperante. Sen ir máis lonxe, a lei de xestión de recursos neozelandesa de 1991 dá cobertura á kaitiakitanga, mesmo incluíndo conceptos suxeridos pola poboación maorí. A calidade dos hábitats e a existencia de poboacións de determinadas especies de plantas e animais de distintas reservas naturais de Nova Zelandia débense en grande medida ao séculos de kaitiakitanga das poboacións orixinais destas illas.