Ecodicionario galego

Ecodicionario galego: 65. Especulación

Ecodicionario galego

Ecodicionario galego / LOC

Cosme Damián Romay Cousido | Biólogo

Definición: s. f. Operación comercial ou financeira baseada na previsión ou no coñecemento dos cambios que van experimentar os prezos. Esta definición aparece no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Improdutivo/a: que non produce ganancias, froitos etc. ou que non ofrece resultados. Monetarización: acción e efecto de monetizar, isto é, desenvolver estruturas monetarias ou outorgar un valor económico a un ben ou a un servizo. Financiarización: sistema ou proceso económico que tenta reducir todo o valor intercambiado (tanxible ou intanxible) a un instrumento financeiro. A primeira definición aparece no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: tradicionalmente, a chamada “lei da oferta e da demanda” explicaba o funcionamento da maior parte dos fluxos económicos dos países acollidos á economía de mercado (capitalistas). A día de hoxe, gran parte da actividade económica real desenvólvese dentro da burbulla da “economía-ficción”, esencialmente especulativa. Segundo o filósofo belga Michel Feher (n. 1956), a financiarización e a compra-venda de accións de grandes empresas é o que realmente move a economía, e non tanto a maximización dos beneficios a través da demanda de produción vinculada ao consumo. Actividades urbanísticas ou mineiras están cada vez máis inmersas dentro desta economía especulativa. Por exemplo, as licenzas de exploración de recursos mineiros son relativamente baratas e, se se atopa mineral de interese, poden ser revendidas a cifras astronómicas. Estas prácticas veñen sendo denunciadas desde hai décadas por colectivos ambientalistas, que alertan dos seus potenciais impactos ambientais, a miúdo irreversibles.

Por que está en voga esta palabra?: a especulación chega xa a todos os recursos naturais: ademais de con minerais, especúlase cos territorios máis fértiles para os cultivos, coas reservas de auga e, de xeito chamativo, co arborado e cos terreos que ocupan. Por exemplo, o estado brasileiro apropiouse de parte da Amazonia durante a ditadura militar (1964-1985), o que facilitou a entrada de multinacionais estranxeiras que se lucraron coa compra-venda de madeira e terreos. Este proceso foi imitado durante o goberno (2019-2022) do militar e político brasileiro Jair Bolsonaro (n. 1955), co que gran parte das novas explotacións forestais da Amazonia obedecían a movementos especulativos de grandes empresas, que invertían en “futuros metros cúbicos de madeira” ou en “futuros aproveitamentos agro-gandeiros” que supoñían a destrución da foresta. A recente vitoria electoral na Arxentina do economista libertario Javier Milei (n. 1970) suporá, probablemente, novos movementos especulativos en diversos sectores económicos, especialmente na minería de litio no norte do país, en actividades extractivas no mar (volta á caza de baleas e “mercadeo” de caladoiros de pesca), na propiedade de terras rurais e no sector forestal, acelerando a perda de arborado autóctono, estimada xa en medio millón de hectáreas ao ano.