Siro, un artista a un lapis pegado

Unha mostra no Quiosco Alfonso recolle paisaxes, retratos, espidos e fantasías do coñecido caricaturista

“Nacín cun lapis de grafito branco na man”. Siro fala en serio. A súa vida, 81 anos despois do seu alumeamento, non se entende sen os seus debuxos, a súa arte, os seus lápises. “Desde moi pequeno, cando enredeba, a miña nai me daba lapis e papel e debuxaba”. As caricaturas humorísticas, moitas delas de políticos e publicadas na prensa escrita, fixeron coñecido a Siro López, pero na mostra que onte abriu no Quiosco Alfonso, non hai ningunha das 6.000 que o autor calcula que fixo ao longo da súa vida. Retratos, paisaxes, espidos e fantasías compoñen Oitenta e un anos e un lapis na man, a segunda exposición que Siro fai no edificio de Méndez Núñez, 35 anos despois da anterior.

A súa pegada expresionista e a imaxinería inventiva da obra menos coñecida de Siro pódese ver no Quiosco Alfonso. “Tardei moito en cambiar a punta fina das caricaturas pola mancha, o que despois me levou ao color”, repasa o artista, que admite que tamén lle levou tempo apreciar a calidade dos seus propios traballos: “Ata 1976 non quedei mínimamente satisfeito do que debuxaba. Foi cunha caricatura persoal cando traballaba como delineante en Bazán. Tiñamos un compañeiro cun físico moi peculiar, o debuxei e un compañeiro o recoñeceu”. A metade das súas caricaturas foron doadas a distintas entidades, como o Parlamento galego. O resto da súa obra pervive, pódese sentir exposta nas paredes.