ECODICIONARIO GALEGO

76. Agrotrumpismo

Donald Trump.

Donald Trump.

Cosme Damián Romay Cousido | Biólogo

Definición: s. m. Ideoloxía ou movemento político en defensa do mundo rural que non ten en conta as evidencias científicas. Une as verbas agro- (referida ao aproveitamento da terra para cultivos) e trumpismo (políticas acientíficas vencelladas co magnate estadounidense Donald Trump -n. 1946-). Esta definición non aparece (aínda) no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Axenda 2030: plan de acción proposto en 2015 pola Organización das Nacións Unidas a favor das persoas, o planeta e a prosperidade, a través de 17 obxectivos globais con 169 metas que abranguen as esferas económica, social e ambiental. Populismo: práctica política que, baixo a pretensión de defender os intereses populares, utilizando mesmo a demagoxia, trata de conseguir o apoio político do pobo. A primeira definición non aparece no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: aínda que trumpismo foi unha verba usada nos medios entre 2017 e 2021 (período no que Trump foi presidente dos Estados Unidos), agrotrumpismo semella algo máis recente. Resoou coas mobilizacións de 2022 nos Países Baixos do partido Movemento Campesiño-Cidadán (BoerBurgerBeweging ou BBB), apoiado por Trump. Protestaban daquela polas limitacións á gandería e á agricultura, tras unha sanción interposta pola Unión Europea (UE) ao goberno neerlandés por non impedir a contaminación das augas por nitratos procedentes destas actividades no rural. As mobilizacións gañaron en popularidade e nas eleccións provinciais dos Países Baixos de marzo de 2023, o BBB alzouse coa vitoria.

Por que está en voga esta palabra?: o éxito electoral do BBB estimulou movementos similares arreo de Europa. Ás reivindicacións lexítimas e necesarias para o mundo rural (p. ex. menor burocracia e maiores controis ambientais para produtos de fóra da UE) uníronse outras agrotrumpistas, a miúdo formuladas por plataformas conspiranoicas (como “6F”) que sinalaban tres grandes inimigos do medio rural: a UE (e a súa normativa que restrinxe pesticidas e fertilizantes), a Axenda 2030, e incluso a propia ciencia. Xa lograron que a UE dera marcha atrás con varias medidas a favor da conservación da natureza e contra o cambio climático. A nivel español, distintas comunidades autónomas “contaxiáronse” deste ambiente agrotrumpista, comprometendo con anuncios e medidas populistas a conservación de espazos naturais (p. ex. Doñana, Mar Menor ou A Limia) e tamén de especies (como o lobo). Os intentos do goberno central para frear esta escalada foron insuficientes, e o fracaso da aplicación completa da súa (necesaria) Lei da Cadea Alimentaria, promulgada en 2021, non fixo máis que inflamar este movemento de agricultores e gandeiros indignados. As recentes tractoradas, desde Cataluña a Andalucía, pasando por Vitoria-Gasteiz e Madrid, irán a máis, cun bloqueo do norte (incluíndo Galicia) anunciado para o día 20 de febreiro.