Entrevista | Rocío Fraga Socióloga , graduada en Seguridade e Control de Risco, e exconcelleira de Seguridad coa Marea Atlántica

“En Monte Alto non se solucionou o problema, quitouse da vista”

Rocío Fraga

Rocío Fraga

A socióloga e ex concelleira de Seguridade Cidadá no mandato da Marea Atlántica, Rocío Fraga, fixo unha investigación sobre politicas locais de seguridade, como traballo final do seu grao en Seguridade e Control de Risco, na que analizou algúns barrios da Coruña na busca de solucións máis alá da intervención policial. “Seguridade non só é ausencia de delito: tamén vivenda digna, acceso a servizos. Hai outras solucións máis alá do punitivismo”.

Na investigación analiza Monte Alto, Os Mallos e Novo Mesoiro. Que conclúe?

Tanto os datos, a percepcion obxectiva da seguridade, como a subxectiva, tenden a concluir que A Coruña é unha cidade segura, así o indican os datos con respecto a outras cidades do seu tamaño. É certo que están subindo certo tipo de delitos, pero a nivel estrutural, non só na Coruña. Despois está esa percepción de seguridade. É respectable que os veciños sintan ameazada a súa seguridade, que é unha cuestión que hai que traballar; mais hai que traballar con como se constrúe esa percepción subxectiva. Collin eses tres barrios como exemplos distintos na relación coa seguridade. Novo Mesoiro apenas ten delitos, pero ten outras cuestións que teñen que ver coa percepción de inseguridade: falta de transporte e servizos públicos ou illamento. Os Mallos, polo acontecido hai dous anos; e Monte Alto, que é un barrio que tradicionalmente viviu moito iso, pero agora, por determinados procesos, ten unha percepción da seguridade distinta.

Que diagnose fan os veciños?

En todos os barrios partían de que eran seguros, pero que estaban detectando cuestións puntuais de presenza de delitos. A memoria histórica da xente de certas xeracións lévalles a unha época na que había unha cidade con máis inseguridade obxectiva, nos 80 ou nos 90. Non estamos nesa época, pero hai que poñer ferramentas para non chegar alí. Os veciños facían esa comparación, que lles levaba á conclusión de que seguían sendo barrios seguros, a pesar de que, coma nos Mallos, pasaran cousas para que a xente sentise esa inseguridade. Se ademais se reforza dende determinados espazos políticos e algúns medios de comunicación, parece que Os Mallos é o Bronx. Os veciños e os comerciantes dicían que era contraproducente. É o que pode pasar en Monte Alto.

Hai dous termos que se repiten: ocupación e narcopisos. Canto hai de problema social derivado do consumo de drogas? Canto hai de real no problema que xeran?

É certo que hai datos que din que están volvendo determinados consumos. Isto pasa por unha realidade social que se está a dar na cidade, e que hai que abordar con políticas de prevención, de participación, de atención a eses colectivos que, por cuestións de pobreza e exclusión, están recorrendo a este tipo de conumo. Estes espazos, que teñen que ver coa ordenación urbana, sempre os houbo. Non distinguir entre okupación como movemento social con calquera uso de vivenda xa é un problema. É unha confusión que interesa a determinados sectores. Tamén hai unha cuestión de ordenación urbana. As veciñas dos Mallos dicíannos claramente que non son xente que estea ocupando, senón que,coas fincas desatendidas, deterioradas, con obras sen rematar, hai momentos nos que a xente se mete alí, como antes o facía debaixo dunha ponte. Nos tempos da heroína, a xente buscaba espazos de exclusión: casas en obras, abandoadas... que facemos, poñemos policía? A xente que marchou de Monte Alto vai ir a outro sitio, non solucionaches o problema, quitáchelo da vista. A solución ten que ser outra.

Que pode facer o Concello, que adoita ser o principal interpelado?

No problema que detectan os veciños, que non llo imos negar, estase esixindo competencias de policía a quen non as ten. Hai unha Policía Local, pero é a Nacional a que se ten que facer cargo desa parte reactiva do delito. En moitos casos, se a Policía Local intervén, pode mesmo alterar investigacións da Nacional en redes de tráfico de drogas. A veciñanza, por ese marco que se crea, tamén por intereses políticos, esixe ao Concello competencias que non ten, pero ten outras que si poderían axudar a resolver ese problema. As políticas públicas teñen que ir máis alá do reactivo: diagnosticar, planificar, actuar e avaliar. Ao Concello podémoslle pedir que o uso dos espazos públicos sexa máis democrático. Que os parques e xardins estean mellor, ou temas de ordenación urbana: non deas licencias a mansalva para que queden esqueletos sen construir, atende as fincas abandonadas, dalles saída. Outro piar son os servizos sociais, que teñen que dar unhas ferramentas para unha vida digna. Hai unhas axudas de emerxencia que dan a risa, as da Xunta igual, pero hai moitas áreas de intervención municipal que teñen que enfocar a seguridade como aplicación da política pública con todos os pasos, e investir recursos. Poñer máis policía implica que o problema cambie de barrio, pero non o soluciona.