A revolución na pista de baile ten a música de Brais Morán

O coruñés e a súa banda, Nasaufunk, presentan o novo disco hoxe no Garufa

Brais Morán, no centro, con Nasaufunk.

Brais Morán, no centro, con Nasaufunk. / // LA OPINIÓN

Na sala Garufa Club, que desde hoxe e todo o mes celebra os seus dez anos de espectáculos no local da rúa Riazor —abriu hai 32 na Cidade Vella—ten soado todo estilo de música. O coruñés Brais Morán cre que a súa propia música, unha irmandade optimista de funk e disco, non ten mellor lugar para se presentar que na sala de Pepe Doré. Revolución Chic é o seu novo disco, que por primeira vez leva tamén a firma da súa banda, Nasaufunk, coa que arranca no concerto de hoxe (22.00 h.) unha xira por Galicia para reivindicar a “ledicia de bailar”.

¿Hai máis revolucións na nova entrega de Morán? “Por unha banda está a revolución de volver á música que sempre nos fixo bailar, a onda dos anos 70, as bolas de espellos. E xogo tamén cunha revolución dos vinilos, daquelas pezas que escoitabamos de Donna Summer, Kool & The Gang, Earth Wind & Fire, Chic, de aí o título... A nosa revolución non é política, senón imaxinaria, social e musical”, proclama o músico e profesor de música.

Desde a súa “modestia”, defende a orixinalidade da súa proposta artística, feita en lingua galega e co idioma universal da música para comunicar e “emocionar”. “Ven ser unha reivindicación do disco, absolutamente, dun estilo que levanta o ánimo, feito con ledicia e ilusión”. Conta Brais Morán que moitas das novas cancións foron compostas durante a pandemia, “cando máis ganas tiñamos todos de saír bailar”. E no Garufa, “esa discoteca “ideal” da cidade, ábrese hoxe a pista de baile para algo máis que para a nostalxia.

Brais Morán e Nasaufunk axitarán o corpo do público este mes e en abril e maio noutras salas de Santiago, Boiro, Ourense, Vilar de Santos, Vigo e Lugo.