A carta de Alexander Fleming ao médico Jesús Pintos: “É agradable ler que alguén pensa que teño enxeño”

Fleming no seu laboratorio (1943).

Fleming no seu laboratorio (1943). / Dominio público

Xosé A. Fraga Historiador e divulgador da ciencia

O 14 de xuño de 1946 no Circo de Artesanos coruñés, Jesús Pintos Pérez impartiu unha conferencia sobre a penicilina. Despois, o médico remitiu o folleto co texto da intervención a diversos persoas, mais o que probablemente non agardaba era que lle respondera un sobranceiro colega, quen viña de recibir uns meses antes o Premio Nobel de Medicina de 1945: Alexander Fleming.

A consulta de Pintos

O nome do médico Pintos resultábame familiar por ver en numerosas ocasións o seu nome nunha placa no exterior do edificio onde tiña a consulta, na céntrica rúa Fonseca da Coruña. Souben máis del no mes de marzo de 2019. Carlos González Guitián díxome: “Tino, a familia está liberando a vivenda que compartían Iglesias Corral e Pintos, mortos hai anos; retiraron as cousas de valor e ofrecen a posibilidade de visitala por se hai algo do noso interese”. Pensaba no Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, do que eu, nese momento, era director.

Restos da consulta de Pintos.

Restos da consulta de Pintos. / LOC

Pintos e Iglesias casaran con dúas irmás, polo que eran cuñados, e tiñan a súa vivenda e despachos na mesma planta. Manuel Iglesias Corral foi un salientable avogado, de notable éxito profesional e con vocación política. No período republicano ocupou a Alcaldía da Coruña e a Fiscalía Xeral do Estado. Formaba parte do círculo republicano coruñés que permaneceu no ostracismo político durante a ditadura polo que non estrañou que nas primeiras eleccións democráticas se integrara nunha candidatura unitaria de centro-esquerda (Democrática Galega). Si que sorprendeu que despois se unira a Alianza Popular, partido fundado por exministros franquistas. Posteriormente, a súa intervención no Parlamento galego sobre o que acontecera no Goberno de Fernández Albor pasaría aos anais da ciencia política contemporánea: “Aquí pasou o que pasou”.

A visita que realizamos ao piso onde conviviran Pintos e Iglesias tivo escasa utilidade práctica pero resultou interesante. Movéndome entre os desordenados materiais que albergaba sentía un certo desacougo fronte aqueles restos dun naufraxio vital. Os obxectos semellaban flotar nun espazo no que faltaba o esencial, o que lles daba sentido, as persoas que os usaron, ordenaron e quixeron. Nese escenario observei con curiosidade o que quedaba da consulta de Pintos, a mesa de traballo, a cadeira para observación dos doentes e superficie sobre a que os deitaba, os instrumentos de exploración e a orla coa fotografía da súa promoción universitaria nun recuncho dunha habitación.

Un folleto inesperado

Así as cousas, outro amigo, Luis Herrero pasoume hai uns meses un folleto, “seguro que te interesa”. Botei un ollo á publicación, era o texto de Jesús Pintos dunha conferencia sobre a penicilina. Pareceume interesante pola data, 1946, pois se trataba dunha intervención pública nos primeiros momentos de uso dese “milagroso” medicamento. Pero iso non era todo nin o máis importante. Ao chegar a casa abrín o folleto e atopeime coa agradable sorpresa que agachaba, levaba adherida ao texto da conferencia a copia dunha carta dirixida a Pintos por Alexander Fleming.

Portada do folleto co texto da conferencia.

Portada do folleto co texto da conferencia. / LOC

Con esa novidade reviviu na miña imaxinación aquel médico da desolada consulta e quixen coñecer algo da súa biografía. Souben que nacera en Cuba e que no comezo dos anos trinta do século pasado cursaba Medicina en La Habana e participaba activamente no reivindicativo movemento estudantil liderado polo Directorio Estudiantil Universitario (DEU). Un colectivo fundado en 1927 por estudantes da universidade da capital cubana enfrontados ao goberno de Gerardo Machado, que pretendía perpetuarse no poder. En 1930 houbo episodios violentos, as autoridades acusaron a eses estudantes de seren uns “comunistas subversivos” e actuaron reprimíndoos. Nese contexto, o pai de Jesús Pintos decidiu sacalo de Cuba. O estudante trasladouse para Santiago de Compostela, onde rematou a carreira no curso 1933-34.

Pintos exerceu por un tempo como profesor auxiliar de Patoloxía na Facultade de Medicina compostelá. Na Guerra Civil foi incorporado como alférez médico en febreiro de 1937. Posteriormente obtivo a praza de médico na Fábrica de Tabacos da Coruña, polo que se trasladou á cidade herculina, onde estableceu a consulta. Tiña sona de bo médico, de persoa discreta e curiosa. Carlos Guitián dime que adoitaba acudir pola biblioteca do hospital e que dominaba o inglés, algo pouco común entre os médicos da súa idade.

A conferencia de Pintos

A conferencia do noso médico tivo lugar na Reunión de Artesanos, o popular Circo, o 14 xuño de 1946, un venres ás oito e media da tarde, e levaba por título La penicilina. Su descubrimiento y lo que se puede esperar de ella. Lembremos que a cidade herculina fora onde se utilizara por vez primeira ese antibiótico en España, a media mañá do día 10 de marzo do 1944, polo médico Rafael Fernández Obanza e que ese medicamento xeraba moita atención. Proba da relevancia do seu descubrimento foi que uns meses antes da conferencia tres científicos, o escocés Alexander Fleming, o australiano Howard Walter Florey e o alemán (de orixe) Ernst Boris Chain recibiran o Premio Nobel de Medicina polas súas contribucións no achádeo.

Na conferencia Pintos foi presentado por Manuel Villar Iglesias, encargado da cátedra de Dermatoloxía e Sifilografía (enfermidades venéreas) na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Un profesional cunha excelente formación que xa en 1905 era profesor auxiliar en Compostela, onde ocuparía a Alcaldía desa cidade en 1930 por un corto período de tempo. A súa pertenza á Asociación de Trabajadores de la Enseñanza (UGT) e o feito de seren nomeado secretario da Facultade de Medicina o 15 de xullo de 1936 polo decano Luis Morillo Uña (perseguido polos falanxistas) favoreceron que co golpe fascista se lle abrira expediente e fora castigado, se ben a sanción foille levantada.

Na súa intervención Pintos explicou brevemente o proceso de descubrimento da penicilina e as investigacións de Fleming. Tamén aludiu á utilidade dese antibiótico, os seus usos e limitacións. Non evitou afrontar un tema importante, o do difícil acceso ao medicamento neses tempos nestas latitudes, expresándose dun xeito crítico e mesmo ousado, se temos en conta o contexto político autoritario da época.

O medicamento xa estaba dispoñible para o público en 1943 no mundo anglosaxón e países amigos. En España a situación era ben diferente, o Goberno de Franco permanecía nunha situación de illamento internacional polo seu apoio aos nazis. Nese contexto, o acceso á penicilina era ben difícil, a pouca que chegaba procedía do mercado negro (“estraperlo”) e/ou de contactos especiais. En setembro de 1944 o Goberno español chegou a un acordo co de EEUU (que tiña o 95% das existencias mundiais do antibiótico) para recibir o medicamento para “enfermos necesitados”; o primeiro envío chegou o día 20 dese mes.

Carta de Fleming a Pintos.

Carta de Fleming a Pintos. / LOC

A penicilina recibida era almacenado nun depósito en Madrid, xestionado polo colexio farmacéutico local. Dese tema falou Pintos na conferencia de xeito crítico. O médico explicou o penoso e longo proceso para acadar a penicilina: “Hay que llenar con exactitud matemática papeles y requisitos, hay que contar en Madrid con un pariente o amigo benévolo que esté dispuesto a consumir toda una mañana en los centros oficiales y toda una tarde en la cola de la farmacia-depósito, que busque y pague a quien se le pueda confiar, para entregar en mano el remedio mágico”. Engadiu que a iso era preciso sumar os catro ou cinco días que tardaba o correo e a posibilidade de que viñera pouco medicamento. Fronte esas dificultades, subliñaba que en moitas ocasións había que acudir “al mercado clandestino, tan vergonzoso y tan necesario”. Concluía pedindo que se establecera un depósito de penicilina en Galicia, pois “es vitalmente necesario, por la vergüenza de sus médicos y por el sagrado interés de sus enfermos”.

Fleming escribe

O flamante premio Nobel remitiu a Pintos unha carta o 20 agosto 1946. Nela agradecía o envío do folleto do que, pola resposta, debeu entender o seu contido. Fleming reflexionou sobre os problemas de distribución e acceso á penicilina en España que comentara Pintos na súa conferencia. Indicou que no Reino Unido había dabondo, máis da necesaria, pero carecían dalgúns produtos españois. Nese punto saíu a escena o espírito “comerciante” que tanta presenza ten entre os británicos, o médico escocés entendía que era unha mágoa que non se producira un intercambio entre o seu excedente de penicilina e produtos coruñeses de interese.

Fleming descubrira a penicilina no seu laboratorio no Hospital Saint Mary de Londres. En setembro de 1928 observou que un cultivo de Staphylococcus aureus estaba alterado pola presenza dun fungo do xénero Penicillium. Deduciu que este estaba producindo unha substancia que inhibía o crecemento das bacterias. O caso ponse como exemplo de serendipia, descubrimento non buscado, que se obtén de xeito accidental ou casual. Así foi nesa ocasión, porén tamén é certo que Fleming soubo interpretar o que veu, pola súa formación e capacidade de observación. Na conferencia Pintos aludira ao tema do azar no achádeo de Fleming, “atribuir a la casualidad el descubrimiento de la droga prodigiosa”, mais defendeu a categoría xenial do científico escocés, quen foi humilde e nunca negou o elemento de fortuna no descubrimento. Así, na carta que lle remitiu a Pintos escribiu: “Son só un simple bacteriólogo que foi especialmente favorecido pola Fortuna polo que algúns dos meus traballos deron resultados no tratamento da enfermidade. Foron moitos os que produciron traballos máis reflexivos pero a Fortuna non os brillou do mesmo xeito. Porén, é agradable ler que alguén pensa que teño enxeño”.

O médico escocés recibiría numerosas homenaxes e recoñecementos en todo o mundo, visitando España (Barcelona, Madrid e Andalucía) na primavera de 1948, dous anos despois da conferencia de Pintos. En Galicia, polo que sei, hai rúas dedicadas á súa memoria en A Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Ourense e Carballo; ademais, un monumento en Vilagarcía e un colexio de Vigo levan o seu nome.

Conversas nocturnas

Nos derradeiros anos da súa vida Iglesias Corral demandaba ao seu cuñado Pintos que pasara as noites preto de onde durmía; tiña medo de sufrir algún problema de saúde e prefería ter ao médico cerca del. Imaxino que nos momentos previos a que o sono os dominara recrearían episodios das súas vidas. Manuel tiña moito que contar, múltiples peripecias da súa intensa e singular existencia. Probablemente, nese ambiente de intimidade e repaso do percorrido vital, Jesús lembraría a súa rebelde e emocionante mocidade habanera e, por suposto, a carta que en agosto de 1946 recibira de Alexander Fleming.